A Casa Museo de Rosalía estrea visita virtual polo 50 aniversario

Organizan diversas actividades pola histórica data que coincide o 15 de xullo. Haberá un festival poético, concertos e debates.
A Casa da Matanza acolleu a presentación dos actos. (Foto: Casa Museo Rosalía de Castro)
photo_camera A Casa da Matanza acolleu a presentación dos actos. (Foto: Casa Museo Rosalía de Castro)

A Casa da Matanza, reconvertida en Casa-Museo Rosalía de Castro, en Padrón, chega o 15 de xullo ao seu 50 aniversario e con motivo dos fastos arredor desa histórica data a Fundación Rosalía promove diversas actividades nos próximos días. Como inicio desa axenda onte decorreu a estrea da visita virtual a esta infraestrutura cultural. 

A través da páxina web rosalia.gal, calquera persoa vai poder visitar o interior da vivenda e tamén a horta da autora de Cantares Gallegos.

Este achegamento virtual do espazo é moi importante xa que fornece unha experiencia “inmersiva” na que o público pode sentir que está a percorrer en 3D as distintas estancias do inmóbel. Ao longo do paseo ollaranse textos ou fotografías e mesmo é posíbel obter información adicional nuns 40 puntos. 

A aposta da fundación é achegar este proxecto a un turismo cultural amplo, pois alén da versión en galego, a visita tamén está dispoñíbel en español, francés e inglés. 

“Pola cantidade de información que se pode atopar na visita, é o proxecto máis ambicioso para percorrer un espazo físico, xa non só un museo, que se fixo na Galiza até a data empregando ferramentas propias da realidade inmersiva”, subliñan desde a fundación, puntualizando que é froito do traballo de Orestes Comunica, cunha firma italiana especializada en software.

Lonxe de celebrar o aniversario da apertura -que foi posíbel “grazas ás achegas de centos de persoas e entidades de todo o país e da emigración”- só con esta iniciativa, o presidente da fundación, Anxo Angueira, entre outros representantes de varias institucións, presentou unha axenda máis ampla.

O día 15 terá lugar un recital poético e a entrega da Rosa da Galiza e o 17 chegará o festival Abride a Fiestra. Tamén haberá diálogos literarios para o 24 de xullo dar paso á homenaxe a Rosalía da xente do mar coa Inchadiña Branca Vela.

Comentarios