A Casa-Museo Manuel María acolle 'Utopías', de Atenea García

O festival Atlántica encara os seus últimos días de programación
A actriz e contacontos Atenea García. (Foto: AAAG)
photo_camera A actriz e contacontos Atenea García. (Foto: AAAG)

O festival Atlántica afronta a súa última fin de semana con espectáculos en Alfoz, Folgoso do Courel, A Pobra do Caramiñal, Outero de Rei, Dodro, Outes, Cuntis, Teo e Santiago. No caso de Compostela, o sábado está prevista unha última función na Colexiata do Sar con Pep Bruno e Avelino González que servirá tamén para fechar a programación de "Contos no camiño".

A función conxunta de ambos os dous narradores leva o título de Historias de andantes e nela Pep Bruno e Avelino González compartirán co público as súas aventuras ao longo do camiño.  

Atlántica tamén remata a súa actividade en Teo este sábado con dúas funcións gratuítas, para as que cómpre reservar con antelación. Así, está prevista un encontro concibido para público infantil e familiar de Pakolas co espectáculo musical Ramona Órbita, a dona do tempo na Burga de Xermeade ás 20.30 horas.

Á mesma hora, mais no Teleclube de Luou, estará Celso F. Sanmartín quen debullará as historias que se agochan baixo o título de Cando viaxou unha lingua de lume nun carro de herba seca?, un espectáculo dirixido ao público adulto. 

'Utopías' na Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 10, ás 19 horas, o espectáculo de narración oral Utopías, de Atenea García. A actividade encádrase no Festival internacional de narración oral Atlántica, no que este ano colabora a Casa-Museo Manuel María

O espectáculo, gratuíto, dirixido para público infantil e familiar, a partir de 3 anos, combina a narración oral e a manipulación de obxectos.

A través de diversas historias as persoas asistentes irán descubrindo eses mundos invisíbeis que nos rodean, eses outros modos de vivir. Ratos na procura de novos camiños, rapazas que soben e baixan escaleiras e parrulos, moitos parrulos.

Comentarios