Sábado 10 de novembro en Outeiro de Rei

A Casa Museo Manuel María acolle a proxección de 'Dhogs'

Un dos filmes de maior éxito e relevo do cinema galego último poderá verse en Outeiro de Rei. Será na Casa Museo Manuel María, que o vindeiro sábado, 10 de novembro ás 20.00 horas, acollerá a proxección de Dhogs, dirixida por Andrés Goteira.
 

DHOGS_Frame5
photo_camera Fotograma de 'Dhogs', de Andrés Goteira.

Este thriller sonámbulo, atravesado polo western, o terror ou o drama, leva colleitado unha boa presada de premios: trece Mestre Mateo, mellor longa do Fant de Bilbo, o galardón da crítica no BIFFF de Bruxelas.

Dhogs supuxo o debut en formato longo de ficción de Andrés Goteira (Meira, 1983). Producida por Gaitafilmes e Pixel Films, no seu reparto participaron Antonio Durán, Morris, Melania Cruz, Miguel de Lira ou Carlos Blanco. A música é de Germán Díaz e Óscar Trigo.

“Mentres un estraño personaxe atravesa as rúas da cidade ao volante dun vello taxi”, di a sinopse difundida pola Casa Museo Manuel María, “no bar dun luxoso hotel está Álex, unha mulelr que goza dunha última copa, inconsciente do monte de cousas que lle sucederán nas próximas horas”.

O propio Goteira asistirá á proxección para presentar o filme e participar nun coloquio co público.

Comentarios