A Casa do Pobo de Regodobargo xa leva o nome de Suso Vaamonde

Acto de descuberta da placa de homenaxe a Suso Vaamonde na Casa do Pobo de Regodobargo (Nós Diario)

Varios centos de persoas reúnense na localidade natal do músico, no seu 20º cabodano, para homenaxealo.

Ás 12 horas, o día iniciábase cunha ofrenda floral no río Oitaven, onde se depositaron as cinzas de Suso Vaamonde hai dúa décadas, e que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ademais do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. O seu irmán Luís Vaamonde leu o poema Cantiga de Amigo, escrito por Mini e que musicalizou a Quenlla no seu día.

A continuación, descubríase unha placa na Casa do Pobo de Regodobargo, que a partir dese domingo levará o nome do cantautor. O alcalde realizou un discurso lembrando o compromiso de Vaamonde con Galiza e coa súa lingua, que o levaron a pasar catro anos no exilio e 46 días no cárcere.

Posteriormente, houbo un xantar de fraterninade baixo unha carpa instalada ao carón da Casa do Pobo que serviu para protexer os asistentes á xornada ─arredor de 300 persoas, entre amizade e veciñanza, así como persoeiros da cultura─ da constante chuvia. A comida contou ademais coa animación das Pandereteiras de Regodobargo.