María Pilar García Negro

"Carvalho declarábase galego universal"

maría Pilar García Negro (Lugo, 1953) vén de recoller nun volume parte da obra édita de Carvalho Calero, autor dedicatario do Día das Letras Galegas 2020. Política, escritora, sociolingüista e profesora honoraria da UDC e da Universidade Senior, Pilar García Negro érguese como unha das maiores coñecedoras da vida e obra de Carvalho Calero. Agora, en A ciencia ao servizo da nación, García Negro xunta conferencias, discursos, ensaios e até un pregón, arroupados por un estudo introdutorio e apéndices fotográficos e documentais, que dan conta do cerne desta obra, da figura do autor e do contexto histórico‑social en que lle tocou vivir. Conversamos con ela ao respecto. Eis un estrato da entrevista publicada no número 375 do Sermos Galiza.
foto_4_PilarGNegro

A ciencia ao servizo da nación é unha antoloxía que reúne textos moi diversos de Ricardo Carvalho Calero. Unha obra representativa que reproduce, en certo modo, a editada por vostede dez anos atrás, no centenario do nacemento de Carvalho Calero. Abarca un arco temporal de cincuenta e sete anos e xunta artigos publicados en Nós, A Nosa Terra, Grial, Agália, Boletín da RAG, La Voz de Galicia, El Progreso ou Faro de Vigo. A que responde esta edición?

Hai dez anos, cando ideei a composición dun libro sobre Carvalho Calero, desbotei a idea inicial de estenderme sobre a súa filosofía lingüística, sobre a importancia basilar da súa Historia da Literatura –toda esta arquitectura, tan rica, fecunda e pioneira– porque me decatei de que ía ser máis produtivo oferecer unha escolma da súa obra científica e tamén ensaística e de divulgación que non fora reeditada. Falece en 1990 e nesas dúas décadas eu utilicei profusamente obra del nas miñas aulas a base de fotocopias de libros editados en vida ou postumamente. 

Mini_4_PilarGNegro

Pareceume moito máis oportuno achegármonos ao coñecemento dunha parte da súa obra, e implicitamente tamén da súa personalidade, a través desa antoloxía de estudos, ensaios e artigos de divulgación. No esquema que escollín xa daquela, e a edición actual mantén esa composición, temos 48 textos que abranxen un arco temporal de cincuenta e sete anos, e comprenden, por exemplo, oito artigos dos anos ‘30, nove dedicados a Rosalía de Castro, un a Pondal, un a Curros, un a López Ferreiro, un a Cabanillas, un a Risco, catro a Castelao, un a Otero Pedrayo, un a Luís Seoane, un a Cunqueiro e dez á lingua, á situación sociolingüística e sociopolítica da lingua galega nesa década decisiva dos anos ‘80, onde el tivo unha intervención publicística fundamental para coñecer as limitacións absolutamente represivas da lexislación constitucional.

A primeira parte da escolla ten moito a ver con dar a valer o papel del xa como estudante e como magnífico orador e escritor nos primeirísimos tempos da súa intervención pública en Ferrol e en Compostela. Despois do grave e terríbel hiato da Guerra Civil española, do cárcere, do seu retorno a Galiza en 1941, damos cronoloxicamente o salto aos anos ‘50. Escollín personalidades da literatura e da historia galega fundamentais polas que el demostrou un entusiasmo crítico particular. Aí temos que encadrar claramente Rosalía de Castro, Castelao, Cabanillas e Otero Pedraio. Na última parte, esa súa intervención pública a través de artigos en prensa dedicados á situación da nosa lingua é fundamental, tanto para poñer á vista ás contradicións da propaganda oficial como para aclarar a idea de que non hai pobos naturalmente bilingües ou para defender o reencontro do galego co seu consanguíneo, o portugués, en toda a súa extensión. 

Vostede afirma que o abano temático e publicístico é amplísimo, mais fía que se trata dun “espello, un só, dos moitos que configuran a súa personalidade e obra”. A súa vontade era transmitir unha imaxe plural e aberta de Carvalho Calero? Imos aclarar que, do seu tempo, dos intelectuais (aínda que a el esta palabra non lle gustaba nada) da súa xeración, non ten parangón posíbel. É o escritor que ve escurecida a súa obra de creación literaria, como poeta, como narrador, como dramaturgo, por unha noción, un pensamento e unha vontade moi firmes de servizo a nación, á Galiza, que se traduciu en obras fundamentais como a Gramática elemental del gallego común, de 1966, ou a Historia da Literatura Galega Contemporánea, coa primeira entrega en 1963, e posteriormente ampliada.

Para alén disto, ducias e ducias de estudos, de ensaios, de monografías, de artigos, fundamentais para iluminar cun rigor e unha erudición admirábeis a literatura galega como arte senlleira, e que insisto, non teñen comparanza nas personalidades do seu tempo, con aspectos de obras e autores fundamentais da nosa literatura, ben entendido que a literatura actuou nos nosos clásicos como metonimia da nación no seu conxunto. Unha vez xubilado da Cátedra da Universidade, nesa derradeira época de vida, realizou circularmente un retorno a aqueles seus primeiros tempos como interveniente, como o mellor orador entre os novos, político e literario.

Esta volta levouno, como digo, a unha intervención continuada na prensa diaria, con artigos claramente de vocación masiva, e a unha intervención constante con todo o bloco de cultura galega non oficial e moi activa. Aí a colaboración foi absolutamente xenerosa, desinteresada e continuada, con asociacións culturais como O Facho ou Alexandre Bóveda, noutras de lugares ou vilas moito máis pequenas, por suposto con AGAL, en publicacións como A Nosa Terra, en asociacións pedagóxicas como a AS‑PG, clausurando o encontro que deu lugar en abril de 1986 á Mesa pola Normalización Lingüística, ou tendo a satisfacción de receber a primeira homenaxe que se lle fixo, a cargo da Sociedade Cultural Medulio, en Ferrol, xa en 1981. Isto en contraste coa proscrición coñecida e da que tamén se fala no libro, por parte da oficialidade. Non podemos perder de vista que todo acontece nun tempo histórico fundamental para a Galiza, aquel que enfronta a solución constitucional coas necesidades políticas definidas polo nacionalismo galego. 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 375 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios