Carvalho Calero inunda as redes con exposicións virtuais, lecturas e iniciativas cidadás

As medidas de seguridade obrigan a institucións e asociacións a buscar alternativas imaxinativas para homenaxear o intelectual neste 17 de Maio.

carvalho_calero
photo_camera Deseños de Juanlu Nacha (esquerda) e AGAL (dereita) para homenaxear Carvalho Calero neste día da Letras.

A conmemoración das Letras Galegas mantense viva a través da acción da cidadanía, institucións e de asociacións que, botando man de imaxinación e das posibilidades tecnolóxicas dispoñíbeis na actualidade, elaboraron unha serie de alternativas para celebrar Ricardo Carvalho Calero a través das redes.

Numerosos eventos foron suspendidos ou adiados con motivo da crise sanitaria provocada polo coronavirus, entre estes, o tradicional pleno da Real Academia Galega, que se desenvolverá o 31 de outubro, no teatro Jofre de Ferrol, ou o concerto que impulsa o Consello da Cultura Galega (que pasa ao día 30).

No entanto, a Academia decidiu aproveitar a fase de desconfinamento en que se atopa a Galiza para renderlle tributo ao intelectual e polígrafo, cunha sinxela ofrenda floral ante a casa que tiña o escritor en Carreira do Conde, na capital do país, cumprindo coas medidas de seguridade decretadas polo Goberno.

O acto contará coa presenza de Víctor Freixanes e Margarita Ledo; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e Antonio López, reitor da USC.

Ferrol, municipio natal de Carvalho Calero, tamén apostará por un pequeno acto simbólico na praza de Armas, despregando unha lona coa imaxe do autor, sobre as 12.30 horas, seguida dunhas palabras do rexidor, Anxo Mato e a interpretación do himno nacional a cargo do cuarteto Toxos e Froles.

Tamén neste domingo, 17 de maio, unha pequena representación da plataforma Queremos Galego realizará unha ofrenda floral ante a estatua de Ricardo Carvalho Calero en Compostela, onde lerán o manifesto dedicado ao homenaxeado e asinado pola escritora María Pilar García Negro. Todos eles levarán elementos de protección e manterán a distancia de seguridade.

Versos nas redes

A campaña A nosa lingua é a nosa identidade, da Deputación de Pontevedra, impulsou unha colaboración especial coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), en que autores da provincia protagonizan 24 pezas audiovisuais onde interpretan fragmentos de textos de Carvalho Calero e que se difundiron ao longo da semana.

Entre os participantes atópanse Fina Casalderrey, Carlos Taboada, María Xosé Porteiro, Miguel Anxo Alonso, Eva Mejuto, Rafael Fernández Lourenzo, Miriam Ferradáns, Ramón Caride, Marta Dacosta ou Elena Gallego, entre outros.

A Cidade da Cultura impulsou tamén unha lectura coral en liña de textos do profesor ferrolán, a través dunha recompilación de vídeos realizados por cidadás e cidadáns con textos seleccionados pola poeta Pilar Pallarés, amiga persoal de Carvalho Calero.

Documentais e recursos

Unha das iniciativas máis completas para conmemorar Carvalho Calero vén da man da colaboración entre AGAL e a Xunta. A web Carvalho2020.gal recolle a versión dixital da mostra A voz presente, que repasa a dimensión artística, humana e lingüística do intelectual.

A exposición pódese visitar xunto a contidos de todo tipo que ofrecen unha completa panorámica sobre a vida e obra de Ricardo Carvalho e que ademais esta dispoñíbel tanto adaptada á norma ILG-RAG como a de AGAL.

Martinho Montero Santalha asina a biografía do autor, que se completa con fichas de todas as súas obras e traballos, da man de Marcos Saavedra. Tamén ofrece seis unidades didácticas adaptadas ás diferentes etapas educativas; un monográfico dedicado a Scórpio e outro desde unha lectura en clave feminista. E, ademais, o documental De Carballo a Carvalho.

Mostras de todo tipo

As bibliotecas públicas galegas ofrecen actividades, exposicións e alternativas que aproveitarán os medios dixitais e telemáticos para compensar as restricións da crise sanitaria.

A Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña difundirá unha guía de lectura sobre o escritor e outra sobre a súa vida e obra, que será obxecto de concursos e accións nas redes.

A Biblioteca Pública de Lugo mantén a mostra Carvalho Calero Lucense, unha exposición virtual que presenta unha liña do tempo coa súa obra poética, teatral, de prosa e ensaio escrita durante a súa estancia na cidade.

A Biblioteca Pública de Ourense unirá esta conmemoración á festa dos maios, cunha creación floral dedicada a Carvalho Calero, unha mostra dixital sobre a súa obra e outra sobre outros autores.

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra ten a iniciativa Letras con moito ritmo, onde o publico infantil é o protagonista, escribindo e recitando poesía, alén de ofrecer a exposición Ricardo Carvalho Calero: compromiso coa lingua.

A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela tamén conta cunha exposición virtual nas súas redes sociais, con infografías, e a difusión de fondos da plataforma GaliciaLe.

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel conta coas mostras virtuais Carvalho Calero, Pretérito (im)Perfecto: traxectoria e obra e As Letras de grandes e pequenos, esta última pensada en chave infantil.

A Biblioteca de Galiza, a biblioteca central do Sistema Galego, inclúe unha sección no seu portal con todos os artigos e poemas publicados por Carvalho Calero nas diferentes cabeceiras de prensa galega que se atopan dixitalizados, ademais dos recursos dispoñíbeis na rede.

Obras para o 17M

O Consello da Cultura Galega difundiu neste sábado a edición facsimilar de Farsa das zocas, unha pequena peza teatral de Carvalho Calero, xunto a unha lectura dramatizada a cargo Tito Asorey, Melania Cruz e María Vázquez. E dará a coñecer a composición de Miguel Brotóns a partir dun poema de Carvalho Calero.

Tamén neste sábado o proxecto Semente Trasancos fixo público o primeiro poema que Ricardo Carvalho Calero escribiu en galego, A Galiza, que a asociación gravou e colgou nun vídeo na plataforma YouTube.

Comentarios