Carvalho Calero, un cometa no ceo

A Real Academia Galega, autoridades nacionais e o alcalde de Compostela realizan unha ofrenda floral na honra do autor, que "naceu no mesmo ano en que apareceu no ceo o cometa Halley".

Dia das letras Gallegas
photo_camera Un momento do acto que se desenvolveu neste domingo, 17 de maio, fronte a casa do escritor en Compostela (Arxina)

Unha sinxela ofrenda floral presidida por integrantes da Real Academia Galega (RAG), autoridades nacionais e o alcalde de Compostela foi a forma de homenaxear ao autor Ricardo Carvalho Calero no Día das Letras Galegas, que este ano se celebra de forma atípica debido á pandemia de coronavirus.

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, a académica Margarita Ledo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento, Miguel Anxo Santalices, foron algunhas das personalidades que se achegaron até a porta da casa onde viviu o intelectual na capital do país, na Rúa Carreira do Conde, para realizar esta ofrenda floral, recitar un dos seus poemas e dedicarlle unhas palabras neste domingo. A gaiteira Susana Seivane foi a encargada da homenaxe musical.

A situación obrigou a que neste 17 de maio se optase por un acto "sinxelo" que o presidente da RAG quixo lembrar como unha celebración "chea de afecto, admiración e agradecemento", por encima de todo o demais. O 17 de maio "sempre é un día especial", unha "data simbólica do noso Rexurdimento, da nosa identidade nacional, do noso idioma en que aprendemos os primeiros nomes das cousas e que nos instala entre as culturas do mundo", engadiu.

Alí, tamén rememorou "o traballo, lealdade á causa da Galiza, compromiso e exixencia" que reflicte a obra de Carvalho Calero. En calquera caso, Freixanes agarda que o próximo 31 de outubro, a Real Academia poida realizar unha homenaxe en condicións en Ferrol, cidade natal do autor. Desta maneira, celebración coincidirá co 110º aniversario do autor, que "naceu no mesmo ano en que apareceu no ceo o cometa Halley".

Foi o propio don Ricardo o primeiro en estabelecer unha relación entre o paso de este cometa polo ceo e o seu nacemento, nun dos seus poemas. Por iso mesmo, Margarita Ledo decidiu darlle voz nesta homenaxe a eses versos que o autor dedicou ao seu 'irmán' Álvaro Cunqueiro en 1980.

A académica recitou: "O primeiro aeroplano ensaiaba o seu voo, ti ja o dixeches, / namentres nós nacíamos. / E o cometa Halley brillaba no ceu, / e Tolstoy se apagaba cando nós nacémos (...). A princípios de século nacémos, / a fins de século morrémos. / Ti e máis eu fomos, verdadeiramente, / fillos do noso século''.

De Ricardo a Rosalía, de Rosalía a Ricardo

Neste 2020 fanse 57 anos desde que se comezou a celebrar o Día das Letras Galegas. No 17 de maio de 1963, o Pazo de Fonseca de Santiago acolleu aquela primeira celebración, onde o propio Carvalho Calero dedicou unhas palabras á poeta homenaxeada, Rosalía de Castro.

Nesta ocasión tocoulle ao mestre "Don Ricardo" recibir a admiración dos intelectuais galegos que o lembran como un "poeta intenso e exixente" que construíu "un universo por primeira vez" coa documentación da historia da literatura galega.

Comentarios