Carvalho Calero chega por primeira vez á votación final da RAG

Ricardo Carvalho Calero chega por vez primeira ás votacións finais do Día das Letras Galegas. Nunha RAG dividida, Ferro Ruibal foi o defensor da candidatura de Filgueira Valverde. 

Carvalho Calero
photo_camera Carvalho Calero

Por vez primeira, a candidatura de Ricardo Carvalho Calero chega á votación final do Día das Letras Galegas. Curiosamente, os tres académicos que o apoiaron eran membros da executiva presidida por Xosé Luís Méndez Ferrín. Dous forman parte do ILG, Manuel González -candidato á presidencia en oposición a Alonso Montero- e Francisco Fernández Rei ao que se engadiu o nome do dramaturgo Euloxio Ruibal. Foi Francisco Fernández Rei quen fixo a defensa pública de Ricardo Carvalho Calero. 

Os avais do gañador Filgueira Valverde viñeron de Díaz Fierros, Pegerto Saavedra, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e o historiador ex-presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro. Ferro Ruibal é o gran defensor de Filgueira Valverde na Academia. 

"Os avais de Filgueira Valverde viñeron de Díaz Fierros, Pegerto Saavedra, Ramón Villares e Xosé Ramón Barreiro. A Ferro Ruibal débese o discurso de presentación do candidato gañador" 

Con menos forza saíron as tres candidaturas que caeron antes de chegar á derradeira volta. A de Xela Arias defendida por Ramón Lourenzo, Antón Santamarina e Fernández Ferreiro, a de Celestino Fernández, promovida por Rosario Álvarez e Queiruga, os dous da executiva, e a de Manuel María, encabezada por Margarita Ledo Andión ademais de Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Regueira e Fina Casalderrey.

Xosé Filgueira Valverde xa fora o segundo en número de votos no plenario no que se proclamou o poeta Lois Pereiro para o Día das Letras Galegas. A só un voto quedara Filgueira do poeta de Monforte. 

A votación das candidaturas foi secreta co cal descoñécense os nomes de cada un dos bandos da Academia, que deu, máis unha vez, imaxe dunha institución polarizada e dividida cunha maioría que se decantou polo candidato máis vencellado ás institucións e menos á cultura viva do país. Non era difícil pulsar o malestar de certos membros despois de ser elixido Filgueira Valverde como homenaxeado para o Día das Letras Galegas. 

Comentarios