XERARDO QUINTELA, ACORDEONISTA DE COANHADEIRA

“Os cartos de Enrique Iglesias deberían destinarse a bandas galegas”

Publicamos a entrevista publicada no semanario nº136 con Xerardo Quintela, acordeonista de Coanhadeira. Este sábado presentan o seu novo traballo, Bicos con luvas, no Teatro Principal de Compostela.

Coanhadeira
photo_camera Coanhadeira [Imaxe cedida]

As coanhadeiras eran mulleres traballadoras do rural galego. Durante a malla a súa encomenda era varreren o grao para limpar os restos de palla. Agora xa non se malla mais a historia daquelas mulleres pervive da man do grupo de música folk que leva o mesmo nome. Son de Ourense e veñen de presentar o seu último traballo, Bicos con luvas. Falamos co seu acordeonista, Xerardo Quintela. 

Xa podes escoitar o seu primeiro tema 'Soa' en RadioSermos

Este é o voso terceiro traballo, que novidades trae a respeito dos anteriores?
Os outros dous discos foron editados en 2009 froito dos premios Radio Obradoiro e o Festival Prau en Cantabria. Nesta ocasión puidemos preparar con máis tempo o traballo, mellorar a interpretación das pezas e nel incluímos máis temas compostos por nós do que en Haique e Po. Aínda así, todos os temas continúan a ser arranxos ou desarranxos, como acostuma dicir Mercedes Peón, sobre pezas tradicionais. 

Un dos adiantos é Ézaro...
Si, esa é unha xota recollida no concello de Dumbría e a letra foi composta por Ugía Pedreira, unha das persoas que colaborou con nós en Bicos con luvas

 "Todos os temas continúan a ser arranxos ou desarranxos, como acostuma dicir Mercedes Peón, sobre pezas tradicionais"

De onde xurdiu a idea deste título?
É o título dunha das pezas que inclúe o traballo. Gustounos moito ás sete persoas que compoñemos Coanhadeira, sobre todo, porque cada un de nós interpretabamos de maneira distinta o sentir desa frase e ese é un dos nosos obxectivos en relación co traballo, que cada quen procure unha interpretación propia da música. 

Bicos con luvas é o froito dun proceso de micromecenado através de Verkami. Como foi esa experiencia?
Ao comezo partiamos dunha grande incertidume pois non sabiamos se conseguiriamos o obxectivo. Mais sorprendeunos moito que finalmente chegamos a superar as espectativas e 273 persoas decidiron apoiarnos. 

"Decidimos iniciar o proceso de micromecenado por un problema de financiamento, basicamente"

Por que optastes por esta fórmula?
Por un problema de financiamento, basicamente. Non contabamos cos recursos necesarios para sacar o CD e sufragar os gastos básicos de gravación, deseño, fabricación, masterización e desprazamento dos músicos e colaboradores. Aliás, este proceso permíteche promocionar o produto por adiantado, dálo a coñecer.

Existen axudas públicas?
Non. En realidade só as hai para cubrir os custes de desprazamento naqueles concertos que se desenvolven fóra de Galiza, mais do resto non hai nada. Asemade, os centros e locais de ensaio que había están practicamente desmantelados. 

Perante isto, como valorades que se financie con máis de 300 mil euros un vídeo musical de Enrique Iglesias?
[Ri]. Non é só Enrique Iglesias, tamén Alejandro Sanz recibiu axudas da deputación por vir gravar a Ourense. Habería que ver nas súas declaracións da renda se verdadeiramente precisan esa axuda. Mais coido que o grave tamén é os contidos de vídeos como o de Enrique Iglesias. É moi reprobábel apoiar esa visión da música que se reflicte nas súas letras e imaxes. Ese diñeiro debería investirse en actividades culturais e bandas galegas. 

Cando e onde poderemos escoitar as novas cancións?
Comezamos agora unha pequena xira e, embora estarmos pendentes de fechar un par de datas máis, estaremos este sábado en Compostela, no Teatro principal; tamén no teatro de Ourense o 23 deste mes. E xa en abril iremos a Cangas á Salasón o día 5 e o 11 á Arca de Noe en Vilar de Santos. 

Esta entrevista foi publicada na contra-capa do semanario en papel nº136 que podes adquirir na nosa loxa.

Comentarios