As cartas que Rosalía escribiu

Son os textos privados de Rosalía, dezaseis cartas que a poeta enviou a persoas próximas e que agora o Consello da Cultura Galega abre ao público no segundo epistolario publicado, despois de inaugurar o proxecto co de Luís Seoane. 

Carta a Murguía
photo_camera Carta a Murguía

Con 8 cartas Manuel Murguía é o destinatario do que se recollen un maior número de escritos, seguido polas 3 de Ángel Baltar e as 2 a Eduardo Pondal. Waldo Álvarez Ínsua, a Lois Tobío e  José María Posada son tamén receptores de misivas con Rosalía como remitente. 

As de Manuel Murguía, a quen chama Manolo e se dirixe por veces como Rosa, son cartas de carácter íntimo e persoal mais nas que tamén se recollen elementos que aportan datos sobre a condición de escritora de Rosalía. “Cando nos veremos? Xa me parece que fai un ano que non te vin. Adeus, querido do meu corazón, e fai canto te sexa posíbel por que esta separación non dure moito. Un bico”, é unha das agarimosas despedidas de Rosalía a Murguía nunha das oito cartas que ás que agora se pode acceder transcritas mais tamén no seu orixinal manuscrito. 

Reabilitarme de que?

A Murguía diríxese arredor dun dos episodios que máis teñen dado que falar na traxectoria da escritora, a súa relación coa escrita en galego. “Atrévense a dicir que é forza que me rehabilite ante Galiza. Rehabilitarme de que? De ter feito todo o que en min cupo polo seu engrandecemento?”, confesa a escritora quen, a seguir, defende que “o país si que é o que ten que rehabilitarse para cos seus escritores, a quen, aínda cando non sexa máis que pola boa fe e entusiasmo co que por el traballaron, débelles unha estimación e respecto que non saben darlles e que gardan para o que non quero agora mentar. Que a algarada foi esa que en contra miña se levantou, cando é notorio o amor que a miña terra profeso?, di a escritora en cartas escritas en español.

Dezaseis cartas manuscritas pola escritora que agora se publican por vez primeira de maneira conxunta e na rede. Destinatarios de Rosalía son Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Angel Baltar que foron editadas polo Centre de la Dona de la Universitat de Barcelona, baixo a dirección de Helena González, María Xesús Lama e María do Cebreiro Rábade.

Foi María do Cebreiro Rábade a que se encargou na presentación pública de destacar o valor do traballo desenvolvido coa correspondencia persoal da escritora á hora de afondar na súa propia biografía, con novos datos que destacan a súa figura como unha escritora consciente de selo alén da “ironía, talento e vontade de estilo”. No acto de presentación pública participaron tamén o presidente e a vicepresidenta do CCG, Ramón Villares e Rosario Álvarez. Nun futuro próximo, o Consello ten idea de incorporar ao epistolario as cartas que tiñan a Rosalía de Castro como destinataria. 

Comentarios