'Cartas de inverno', de Fernández Paz, chega aos 100.000 exemplares cunha edición especial

A popularísima novela xuvenil escrita por Fernández Paz vén de acadar os 100.000 exemplares vendidos e Xerais celébrao cunha edición especial.

1377598566904AgustinFernandezPaz-DistritoXermar-2013-02
photo_camera Agustín Fernández Paz cun disco de SES na man [Foto: Distrito Xermar]

Fernández Paz segue a xerar noticias meses despois do seu pasamento. Logo da novela póstuma que a semana pasada veu a luz da man de Rodeira, desta vez é a súa editorial de sempre -Xerais- quen publica unha edición especial (a número 35) por mor da chegada aos 100.000 exemplares vendidos.  

Estamos a falar dunha cifra excepcional no mundo da edición galega, que só acadou en ficción outra novela dun clásico tamén falecido hai agora un ano, 'Memorias dun neno labrego', de Neira Vilas. 

'Cartas de inverno', publicada en 1995, é o que se coñece no sector como un 'long seller'. Xa no mesmo ano de publicación, a novela acadou o premio Rañolas ao Libro Infantil e Xuvenil do Ano. 

É unha cifra excepcional no mundo da edición galega, que só acadou en ficción outra novela dun clásico tamén falecido hai agora un ano, 'Memorias dun neno labrego', de Neira Vilas. 

cartasdeinverno

Esta edición especial que agora publica Xerais vai encadernada en 'flexibook', con doce ilustracións orixinais de Antonio Seijas e o texto “Doce + nove: vinte un anos despois” actualizado polo autor. Será presentada o vindeiro domingo 4 de decembro no Culturgal.

Moi vendido e moi traducido

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947 - Vigo, 2016) é autor dunha extensa obra, 68 libros, maiormente no ámbito da literatura infantil e xuvenil, moitos dos cales foron -e seguen a ser- grandes éxitos editoriais.  Tamén é o autor máis verquido a outros idiomas da literatura galega, con 115 traducións a 16 linguas diferentes, segundo datos de Iolanda Galanes, investigadora do proxecto Bitraga da UVigo. Ten preto de 50 traducidas para o español, máis de 30 ao catalán, unhas 20 ao euskara, e tamén ao asturiano, portugués, francés, árabe, coreano, italiano, inglés, búlgaro, bretón e esloveno, entre outras.