Análise

Cartas humanas

Xurxo Martínez González é técnico municipal e investigador.
Amalia Bóveda e Carlos Taboada, ilustrador de Polo Correo do Vento, no CEIP Alexandre Bóveda de Redondela. (Foto: Polo Correo do Vento).
photo_camera Amalia Bóveda e Carlos Taboada, ilustrador de Polo Correo do Vento, no CEIP Alexandre Bóveda de Redondela. (Foto: Polo Correo do Vento).

De Beethoven escribiuse moito, falouse máis e escoitouse infinitas veces. Tantas coma volvemos a el. Perdemos a conta, pro sabemos que son infinitas. Ao escoitar a Novena, neste 2024 do seu bicentenario, reavívasenos o mesmo sentir de xeracións compartindo esta música eterna. Ao cabo, pola súa eternidade, é que podemos tornar a ela en infinitas ocasións. 

De cando foi a estrea, Beethoven xa estaba totalmente xordo. El codirixiu dende un atril a orquestra entre pronunciados acenos. Mailos músicos atendían as indicacións de Umlauf, o director oficial. Disque non sabía que os aplausos interromperan a música. Ao rematar, a soprano Caroline Unger tomouno da man, volteouno amodiño e viu a ovación que el non ouvía. 

Mais había un ser humano atrás do compositor volcánico. O amante dunha amada inmortal. Ao ler as finísimas cartas de amor, dun ser prontamente avelloado pro de paixón inoxidable, percíbese o desexo de amar (Wong Kar-Wai) e sentirse amado. 

Detrás do economista de lúcida análise e líder organizativo do Partido Galeguista, estaba o home-pai e o home-amante

A vida. Celebrar a vida. Festexar a vida coa intensidade de quen a ama. Coma unha Oda á ledicia, que Beethoven toma de Schiller para converter a bóveda mundana nun interminable ecoar de múltiples sons instrumentais unidos a voces de colosal mensaxe a caer sobre de nós coma marmaña de vidro. En síntese da Novena: fraternidade pra convivir; liberdade pra vivir. Todo no étimo máis puro da igualdade, pra sabernos vivos en nós e nos outros. 

Alexandre Bóveda

O pasado 4 de xuño o CEIP Alexandre Bóveda, sito no costal de Angorén (Redondela), celebrou o aniversario do seu homenaxeado. Aló asistiron a filla e o neto: Amalia e Valentín Bóveda. A cativada encheunos de felicidade cunha celebración de sete estralos. Toda a comunidade educativa, coa súa directora Noemí Moreira á fronte, implicouse en actitude a imitar. Fronte aos poucos recursos cómpre unha imaxinación xigantesca. Facer mesmo nas dificultades e nas carencias; pro facer como síntoma de seguir adiante.

Ás portas unha alborada (Alba de Gloria, Castelao) recibiu a familia. Namentres, meniños e meniñas a choutar con aplausos. Un fanzine, escrito e ilustrado polo alumnado, distribuíuse en fermoso envoltorio. No vestíbulo un mural de Polo Correo do Vento (Aquilino, meu amigo!) recíbenos de brazos abertos pra que Amalia pinte luz azul na imaxe dos seus pais sob o tornasol. De tarde a Polifónica de Pontevedra e a Coral Piñeiral de Chapela deron un concerto con repertorio galego (Rosalía, Chané, Curros…) como ramo final. Bóveda amaba a música e na música atopou o amor de Amalia Álvarez.

Uns días antes, Manuel Puga asistiu á inauguración da rebautizada biblioteca escolar co nome da súa avoa: Ernestina Otero, pedagoga próxima a Bóveda. E uns días despois, Xosé M. Beiras disertou coa forza da súa oratoria e coa luz do seu pensamento. Porque Beiras, sempre fiel cada 17 de agosto, é mesmo familia (no senso simbólico) dos Bóveda.

A suma destas vontades deu nunha lembranza perdurable no tempo pra o conxunto da comunidade educativa. Bóveda é hoxe máis veciño de Angorén; na parroquia fálase del, edúcase sobre el.

Vida sobre a morte

O 17 de agosto do 36 asasinaron un dirixente político. Pro tamén mataron un pai e un compañeiro de vida. Ao ler a carta a Amalia, escrita horas antes do seu fusilamento, emerxen as letras coas emocións vivas de quen aman a vida. Volvemos revivilas, xeración tras xeración, porque son pura honestidade humana. Son liñas reveladoras dun home sinxelo, carregado de agarimo pra os seus fillos e muller, que desexaría celebrar a vida xa condenada a morte. Detrás do economista de lúcida análise e líder organizativo do Partido Galeguista, estaba o home-pai e o home-amante. Ambos perfís, o publico e privado, son de obrigado coñecemento. Porque, coido, nos facilitan a compresión de ser quen foi máis alá do importante legado social.

Creo que nas cartas atopamos o rostro máis íntimo das persoas. O rostro que nos afasta do mito e nos aproxima á persoa. Neses escritos encontrámonos, en ocasións e en determinadas circunstancias, porque expresan un sentir universal do ser humano.

Cada 4 de xuño será día de festa en Angorén. De novo as familias volverán a Bóveda, farano sentar na mesa e comentarán sobre el coas crianzas. É así un día pra celebrar a vida facendo vivos os mortos; unha festa de aniversario pra lembrarnos a vitoria da vida sobre a morte. Porque, coma na escultura de Buciños diante do portal onde naceu Bóveda en Ourense, son as crianzas as que aleitan a memoria pra que el, o dirixente, o pai e compañeiro, sexa tan inmortal como a Novena de Beethoven. Digan que é unha esaxeración, pro esa é a miña esperanza e o noso deber.

Máis en CULTURA
Comentarios