Carolina Sertal e Carmen González gañan os primeiros premios ‘Mulleres que opinan’

O certame, convocado pola Deputación de Pontevedra e polo Concello da cidade do Lérez, buscan fomentar o exercicio da opinión xornalística.

Carmen González e Carolina Sertal. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carmen González e Carolina Sertal. (Foto: Nós Diario)

Os artigos 'As voces perdidas' de Carolina Sertal e ‘La ventaja de ser mujer' de Carmen González alzáronse cos premios de xornalismo de opinión ‘Mulleres que opinan' en galego e en castelán convocados pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra, dotados con 1.000 euros cada un.

Estes premios, convocados no marco do foro 'As mulleres que opinan son perigosas', buscan promover o exercicio da opinión xornalística e fomentar o nacemento dunha nova "canteira de mulleres opinadoras".

Un cuarto propio

No seu texto, Carolina Sertal parte dunha cita de Virginia Woolf, “unha muller debe ter diñeiro e un cuarto propio para escribir ficción”, a partir da que reflexiona sobre como ás mulleres se lles negou ese cuarto propio, que é o tempo para si mesmas.

Sertal define o foro 'As mulleres que opinan son perigosas' como "ese cuarto propio negado a diario" e como "un lugar cun chan sólido e nada pegañento sobre o que tecer unha rede segura co fío das que foron alumadas co don da palabra". "En definitiva, un cuarto en cuxas paredes ecoan as denuncias e as reivindicacións das mulleres valentes que xa non están dispostas a calar", sinala.

As mulleres como garantía de universalidade

Pola súa banda, Carmen González inspirouse no seu artigo na conferencia coa que Rosa María Calaf fechou o foro, unha conferencia que "cambiou a perspectiva" facendo ver que as mulleres "son moito máis que as primeiras vítimas de toda desigualdade e recesión".

En ‘La ventaja de ser mujer’, apunta que no xornalismo as mulleres tamén son "garantía de humanidade e universalidade, completando a metade que se cerna de todo relato por non incluír ás mulleres". "O xornalismo con enfoque feminista é imprescindíbel porque se asoma á cara oculta da realidade", indicou.

O xurado estivo formado pola xefa do Servizo de Igualdade da Deputación, Lucía Muradas; a técnica deste Servizo, Ana Isabel Amoedo; e as xornalistas María Obelleiro (directora de Nós Diario), Susana Pedreira, Diana López Varela, Belén López e Lara Graña; a representante do CIM de Pontevedra, Mercedes Renda; e Jesús Igrexas e María Conde como representantes, respectivamente, dos gabinetes de prensa do Concello e a Deputación.

Comentarios