Contracultura

Carmen Penim: "A nosa lingua implica toda unha maneira de ver e de estar no mundo e crea identidade"

Carmen Penim, cantante e compositora, vén de publicar o seu novo traballo, 'A Fraga de Pasacorrendo' (Toxosoutos), en que aborda temas como as emocións e a relación coa natureza, así como a creación de historias para as crianzas incorporando “moitos recursos da narración oral, porque é algo que está dentro de min”.
A música Carmen Penim transmite na súa obra a súa relación coa natureza (Foto: Xoán Arco da Vella).
photo_camera A música Carmen Penim transmite na súa obra a súa relación coa natureza. (Foto: Xoán Arco da Vella)

—Como xurdiu A Fraga de Pasacorrendo?
Había moito tempo que quería facer algo en galego para crianzas, porque cada vez, salvo en certas zonas da Galiza, falan menos a nosa lingua. Hai moitas artistas e institucións que promoven o galego entre a xente máis nova, mais eu aínda non fixera nada. Comezou durante a pandemia, porque fixemos unha canción a raíz dun poema de Carvalho Calero que falaba dunhas lavandeiras e a raíz dela escribín un conto. Inicialmente esa era a idea: facer un conto inspirado en poemas accesíbeis para as crianzas. 

Con todo, cando xa tiña os contos feitos, decidín que prefería facer eu as cancións, non porque fosen miñas, senón para poder relacionalas mellor coas historias. Foi algo diferente, porque eu co dúo 2naFronteira e tamén como Carmen Pením adoito dirixirme a un público máis adulto, con poemas musicados e con outras temáticas como as mulleres e a memoria histórica. 

—Foi complicado adaptar a linguaxe para as crianzas?
Igual é a cabeza que eu teño, que son quen de pasar dun mundo ao outro, mais penso que hai cousas que son universais e que dá igual a idade que teñas porque podes conectar con elas. Tamén é certo que eu son nai e algo sempre queda desas historias que inventaba para as miñas propias crianzas cando eran pequenas.

O libro ten a súa versión de espectáculo, que o estabamos movendo como "Vén que che canto un conto!", aínda que agora darémoslle o nome do libro, e sabemos que funciona moi ben. 

A maneira de contar no espectáculo sempre é máis viva, tes recursos como a xestualidade e a esaxeración. Ademais, estes contos teñen moitos recursos da narración oral porque é algo que está dentro de min, as historias que contaban a miña avoa ou o meu tío Nicanor na aldea. Esas estruturas repetitivas que dan voltas por medio do conto funcionan moi ben tanto coa xente adulta como coa xente pequena. 

—Igual que a lingua, é unha forma de manter viva a cultura, non?
Hai xente que non lle dá esa importancia, mais a nosa lingua implica toda unha maneira de ver e de estar no mundo. Ten moitísima forza á hora de crear identidade e a sensación de pertencer a algo. Estamos nun momento no que moita da música que se fai bebe de estilos que identificamos como americanos, como o hip hop ou as tendencias máis novas.

E non estou para nada en contra, ao revés, encántame que a xente nova faga estas cousas, mais tamén penso que hai que ir en paralelo á conservación do noso. Se perdemos o noso, acabamos escoitando e facendo o mesmo, dá igual que sexas do noroeste ou do sur. Na Galiza temos o noso propio e temos que conservalo. 

—Son historias que teñen moi presentes as emocións e a natureza. De onde vén este interese?
Diría que da miña profesión de profesora, porque levo ensinando máis de 30 anos, e vexo moito sufrimento en xente cada vez máis nova, probabelmente por como temos a sociedade de mal montada. Creo moito na visión máis social da persoa, na comunidade, algo que estamos perdendo. Antes era automático: tiñas unha familia grande e a comunidade da túa contorna. Agora é todo moi individualista e a xente vese moi soa ante os problemas internos ou de relación con outras persoas.

Tes que tomar moitas decisións, que por un lado está moi ben porque dá máis liberdade. Se pensamos na muller no mundo tradicional, é algo que eu non quero nin para min nin para ninguén, mais ás veces o ter que tomar tantas decisións e que o automático non sexa unha posibilidade dá máis sensación de incerteza. 

Creo que podemos crear un mundo moito máis amábel. Nese sentido, tamén é un libro moi ecoloxista, porque humildemente penso que é a chave: volver ao contacto coa natureza, defendela, tomar conciencia de que non podemos manter unha actitude pasiva.

Comentarios