Carmen Llonín, artista: "O planeta non nos pertence. Estamos aquí con multitude de especies e somos unha máis"

Carmen Llonín, artista (Rebeca Rivas)
photo_camera Carmen Llonín, artista (Rebeca Rivas)

Non é preciso pasar por unha academia para ser artista. Algo tan obvio para algunhas persoas é unha realidade se falamos de Carmen Llonín. Aprende desde a liberdade de facer sempre aquilo que lle interesa coa premisa de transmitir as emocións que atopa no camiño da vida. Esta artista, namorada da natureza tamén como algo que debería ser obvio para o ser humano, goza experimentando coas técnicas e os materiais mais sen ligaduras propias ou externas. Nas súas últimas creacións traspasa a fotografía co bordado a man, a medio camiño entre a tradición e a arte moderna. 

Que a impulsou ao mundo da arte?

É algo innato. Comecei coa pintura. Tiña un veciño que pintaba e visitábao. Gustoume o debuxo e a fotografía de sempre. Creo que o levaba dentro e tiña que saír. Fun a varios obradoiros mais a miña formación é basicamente autodidacta. Non son moi académica. Hai moitos artistas que crearon sen pasar por Belas Artes. Fago o que me apetece e no momento que quero. 

Fotografía, escultura, instalacións,... en que momento decide a técnica a empregar?

No meu caso van por etapas. Comecei con debuxo e pintura. Despois foi escultura e tamén fotografía estenopeica e fotogramas, escultura en vidro e seguín con fotografía coa que levo moitos anos. Agora mesmo estou con fotografía con bordado a man. Como non me debo a ningunha galería se descubro algo novo déixome levar e tento aprender, falar con amizades. É moito ver e ensaio-erro.

Que temas foron para vostede máis importantes nesas etapas?

Sempre tiven un motivo que me guiou e son as emocións. Moven todo. Desde as emocións que tes cando ves un amencer até a parella, a vida ou a enfermidade.

É doado plasmar as emocións nunha obra?

Non, para nada. As fotografías que fago son autobiográficas, teñen todas relación coa miña vida. En case todas aparece só unha figura que, aínda que non sexa eu a que sae na fotografía. A lectura que fai a xente escápaseme. Iso enriquece a fotografía. Non me gusta que sexa todo explícito. Penso que é máis interesante pór a funcionar a cabeza, a imaxinación, os referentes que ten cada un. Sempre hai cousas afíns. 

Non me deprime non ter unha galería, non ir a un certame ou non facer unha mostra. O prioritario na vida é sentirse a gusto con un mesmo. Iso si, sen arte non paso. Igual que non paso sen natureza. É algo que necesito. Forma parte da miña persoa. A todas nos gusta que recoñezan o noso traballo, é algo que sae de ti, mais non é unha cuestión que non me deixe durmir. 

Ten participado en numerosas iniciativas en defensa dos animais. Cre que algunha vez chegaremos a vivir en paz coa natureza?

Levo moitos anos cunha serie de fotografías en Facebook nas que dou os bos días acompañando unha imaxe da natureza. É unha forma de achegala a aquelas persoas que non poden por algún impedimento. Só entendo a maneira de estar do ser humano desde o respecto. Respecto polo medio ambiente, polos animais, polo lobo, polo raposo, polo escornabois,... O planeta non nos pertence, non é só noso. Estamos aquí con multitude de especies e somos unha máis. 

O problema é que estamos sendo unha praga. Faltámoslle o respecto ao medio. A min non se me ocorrería tirar o lixo na miña casa. Non entendo logo, eu que vivo no rural, que a xente tire lixo, unha cadeira ou unha roda. Fano na súa casa? Para min a natureza é a casa que me dá refuxio e de comer, ademais da vida que me dá como persoa. Non podes maltratar á natureza e logo protestar pola súa situación.

Os mares do planeta están así porque a xente bota merda e esa merda comémola. Tampouco comparto que teñamos unha industria peleteira. Hai moitos materiais, e boísimos para o frío, sen ter que levar un pelexo dun animal para lucirse. Isto mellorará se mellora algún día o respecto do ser humano coas especies coas que convive. Non sei se o verán meus ollos. Eu agardo que si.

Comentarios