Tímpanos medievais da Galiza: Santa María do Azougue e San Martiño de Moldes

Carmela Galego: “A intención da mensaxe iconográfica dos Andrade é tan eficaz que aínda prevalece hoxe en día”

Carmela Galego é historiadora da arte e mestra de  Educación  Física. A súa traxectoria profesional está enfocada á comunicación e á docencia en contextos lúdicos e culturais. A nivel divulgativo colabora con revistas e con distintas fundacións e administracións, coas que ten elaborado obradoiros  e  comisariado  exposicións  sobre memoria local. Nesta primeira conversa falamos con ela sobre as igrexas de Santa María do Azougue e San Martiño de Moldes que se publican o 12 e o 13 de xaneiro.
Carmela Galego
photo_camera Carmela Galego

No seu traballo afirma que a denominación de Santa María do Azougue alude ao mercado que se celebraría no adro da igrexa. Que a leva a manter esa hipótese? 

A orografía do castro de Untía é moi suxestiva, todos eses túneis subterráneos con punto común na nosa igrexa téñennos intrigadas e pode que aínda nos garden algunha sorpresa arqueolóxica. Nun artigo de Vales Villamarín escrito en 1944 xa se nos fala destes aspectos e cítanos a un Cornide que aposta pola significación que ten a ver co mercado. Malia que unha acepción non exclúe a outra, sabemos que as Santa María do Azougue que se atopan no noroeste peninsular teñen unha relación directa coas feiras que se celebraban nas distintas vilas. No caso de Betanzos temos documentación abonda que dá conta da importancia das súas feiras. 

Desde cando houbo ese mercado?

O privilexio da feira mensual é ratificado por Pedro I en 1366; en 1467 Enrique IV outorga unha feira franca anual de trinta días consecutivos de duración e que se estableceu durante o mes de novembro. Hai mesmo quen fala dos betanceiros como "os xenoveses da Galiza". No caso concreto do Azougue temos un documento de 1511 que dá conta dun litixio comezado cando en 1493 as ordenanzas municipais aproban trasladar o mercado de Santa María a Santiago. O conflito remata con sinatura "por consello da raíña" de que o mercado se leve a cabo nos dous emprazamentos e así continúa até finais do século XX. 

Nesta igrexa xa do século XV o Agnus Dei é substituído polo porco

E cando deixou de o haber?

A feira non é que se deixe de celebrar, senón que se concentra no campo extra muros. O BNG de Betanzos presentou para as últimas municipais unha proposta para volver levar a feira mensual ao casco histórico. Non parece unha mala iniciativa. 

Para alén da denominación, e xa entrando nos elementos arquitectónicos, que ten de particular a iconografía desta igrexa? 

Santa María do Azougue é unha igrexa rica no estético e no narrativo con aspectos que fan que manteña a súa vocación de templo lexible para o pobo. Os seus relevos falan de cousas que nos seguen resultando sinxelas de interpretar. A pesada de almas con ese demo que tira do pé dun condenado no tímpano norte, velo, recoñécelo, chama a túa atención. E a Epifanía da fachada principal tampouco pasa desapercibida; acabamos de celebrar a visita dos Magos, non renunciamos a ese episodio neotestamentario. Hai un programa iconográfico teocrático, claro, pero tamén empeza aquí a verse esa viraxe humanista e a presenza de temas cotiás xa non son periféricos, senón que teñen un lugar central, como o capitel do lado sur do presbiterio no que se recolle ese magnífico calendario agrícola. 

Vostede no seu traballo sitúa o poder civil, da man dos Andrade, no primeiro nivel de desenvolvemento iconográfico. Tan importante é? 

A intención da mensaxe iconográfica dos Andrade é tan eficaz que aínda prevalece hoxe en día. Non foi a máis importante casa nobre na Galiza da Idade Media, tampouco foron os únicos promotores laicos dun edificio relixioso, mais o seu nome transcendeu. Sete séculos despois calquera que visite Betanzos e vexa ese animal totémico para a nosa cultura vai descubrir de contado a súa relación cun apelido concreto. 

Cando chegas alí impacta ver aquel tímpano tan curioso e pensas precisamente que é un tesouro para as persoas da aldea, pero tamén é valioso para quen o visita que permaneza no seu lugar

Tanto prevalece o porco sobre a cruz? 

As cruces antefixas foron un símbolo preeminente no románico galego, e nesta igrexa xa do século XV o Agnus Dei é substituído polo porco. É o que lle da sustento á fe; os Andrade como a base, a forza e a defensa da igrexa. É unha imaxe moi potente, penso que os publicistas dos nosos días estarían de acordo. 

Un día despois de Santa María do Azougue sae publicado San Martiño de Moldes. Falamos xa de románico rural, algo máis lonxe do poder civil mais cun tímpano emblemático que se repite até en sete ocasións das que polo menos tres poden ser do mesmo autor. A que se pode deber esa proliferación da imaxe de Sansón e o León? 

 Os modelos son moi útiles e recorrentes na arte, usámolos en todas as etapas históricas, máis nun momento como o románico no que interesa que as imaxes sexan moi elocuentes. Mais acontece que ás veces perdemos a capacidade de descodificar a mensaxe riscada na pedra. Aconteceu con estes sete tímpanos, que non nos resultan sinxelos de interpretar. Como desenvolveremos no artigo, precisamente as características e as necesidades dunha igrexa rural poden ser as responsábeis de que prolifere esa iconografía de Sansón e o León. 

Unha das pezas desta serie, a de Palmou, pode servir para ilustar o capítulo máis triste do espolio do noso patrimonio. Debido á perda de poboación rural, e mesmo de usos das igrexas, boa parte dese patrimonio está en abandono ou desuso e suxeito a deterioro. Considera viable, ou mellor, posible, a conservación in situ ou cre que será inevitable a musealización? ·

O episodio de Palmou é escuro, non só polo triste, senón pola opacidade que adoita acompañar estes espolios. As persoas responsables de que saíse das nosas fronteiras sabían da súa valía e aconteceu nun momento no que o rural seguía vivo, de feito ás veces é precisamente por iso polo que se perden as pezas, polos defectos na execución de renovacións habituais nun edificio que é utilizado. Cando nós fomos tirar as fotografías a Moldes tivemos a sensación de estar nunha igrexa que segue a estar coidada polos seus responsables. Preocupounos máis o abandono da escola, que polo demográfico e o estrutural acabará por deteriorar o edificio.

Tamén hai que revisar unha filtración na portela que comunica o coro alto co campanario. Pero cando chegas alí impacta ver aquel tímpano tan curioso e pensas precisamente que é un tesouro para as persoas da aldea, pero tamén é valioso para quen o visita que permaneza no seu lugar. As últimas directrices da conservación do patrimonio avogan por evitar a deslocalización dos bens, eu penso que son un acerto. Os museos fan un grande labor de conservación e interpretación e ás veces non queda máis remedio que o traslado, pero o telurismo é un valor que cómpre salvagardar. A musealización in situ, adiantarse a un deterioro irreversible poñendo medios de conservación e levar a cabo labores de interpretación e información son actuacións necesarias ás que nós só queremos achegar un pequeno grao.

Comentarios