CULTURA

Carme López (Raiceira) salienta que As Letras na rede "é a maneira máis correcta de apoiar á cultura"

Carme López, que xunto a Sabela Vázquez conforma o dúo de folk galego Raiceira, comparte con Nós Diario a experiencia de volver subir a un escenario tras máis de dous meses grazas á iniciativa As Letras na rede da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que programa diversas actuacións en liña até o día 27. 
Sabela Vázquez e Carme López conforman o dúo Raiceira (cedida).
photo_camera Carme López e Sabela Vázquez conforman o dúo Raiceira (cedida).

Carme López é a voz e a percusión e Sabela Vázquez está ao violoncelo no dúo Raiceira, no que reinterpretan a música popular da tradición galega. Xuntas participan no proxecto As Letras na rede, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que pretende dar pulo ao sector a través de actuacións retransmitidas por internet que comezaron no Día das Letras Galegas e prolongaranse até o 27 de maio. 

Que lle parece a iniciativa As Letras na rede?

A mellor maneira de tratar e apoiar á cultura. Paréceme moi ben que contaran con diferentes campos artísticos, non só música senón tamén actuacións relacionadas coas crianzas, escritoras, xente máis vinculada ao humor... Ademais, que se apostara por facer algo con moita calidade. Fomos a un auditorio [o Gustavo Freire] cun moi bo equipo e con todas as medidas de seguridade. Foi un luxazo traballar tan ben. 

Non queda outra que presentar este material a través de internet. Despois destes dous meses quedou claro que a nosa única vía de seguir traballando era coas redes, a través dos nosos medios precarios. Entón cando aparecen inciativas deste calibre, nótase a diferencia. 

Agradécese actuar con eses medios?

Agradécese sempre cando vas tocar a un sitio e ves que todo está coidado. É algo que a nós non nos ocorre sempre porque somos un grupo de creación recente, e aínda que ambas nos dedicamos a isto de forma profesional, creo que estaremos Sabela e mais eu de acordo en que este tipo de actuacións representan o 10% de todas as veces que temos tocado nun escenario. Debera ser o habitual pero non é. Que apareza algo así, e máis despois deste parón, é como unha bocanada de aire fresco: parece que o noso traballo continúa, vai no bo camiño...

Co confinamento, incrementouse a precariedade para as traballadoras da cultura?

Si, mais hai que dicir que antes disto seguía a ser un traballo completamente precario. Ámbalas dúas temos formación en interpretación, pero non nos quedou outra que formarnos tamén para a educación; que é do que realmente vivimos.

Está claro que co confinamento houbo un parón en seco, pero temos que ser conscientes de que antes o noso traballo era completamente precario. Actuacións como esta, contadas veces. O resto é o que sae... Ao final, se queres conseguir unha boa actuación tes que facer moito taballo de redes, de ir a sitios nos que tocar que non están acondicionados, nos que non se paga un caché...

Entón, é certo que esta situación nos afectou moito. Pero polo menos a nivel do folk galego vivimos unha situación precaria desde antes tamén. 

Como vai ser a actuación que se poderá ver esta sexta feira?

A idea que se nos presentou era facer un concerto breve. Son como 25 minutos de música nos que escollimos parte do noso repertorio habitual. Como levabamos dous meses sen vernos até o día anterior á actuación, non puidemos incluír nada novo. 

Como foi o reencontro no escenario? Hai algunha peza que tivera máis gana de tocar?

Que o motivo do reencontro fora subirse a un escenario e non só seguir ensaiando a verdade é que se agradeceu moito. Penso que todas as pezas teñen o seu aquel. Nós ao final o que facemos é escoitar temas e cando un nos gusta, pensamos o que facer con el. Ás veces temos máis preconcebido o que imos facer, temos mesturado un tango ou unha bossa nova cunha melodía de tradición oral.

Do repertorio, a que é un pouquiño máis diferente é un tema que lle chamamos O arrieiro, que comeza cun canto tradicional de arrieiro recollido por Alan Lomax, que está dispoñíbel en internet. A raíz diso engadímoslle un tema que é de creación propia que non ten unha definición exacta, é dicir, non é unha muiñeira nin unha xota, é un ritmo binario, unha melodía e un acompañamento creado que usamos con letras tamén tradicionais. É un pouco o que buscamos sempre, a conexión co tradicional para despois investigar o que a música nos pide. 

Que tal foi a experiencia?

Moi boa polo ben organizado que o tiñan todo. Si foi moi estraño chegar a tocar a un auditorio no que non haxa ninguén, só técnicos con máscaras aos que non lles ves a cara. Eu non saíra da casa en dous meses, até o día anterior que quedamos para ensaiar, e estás un pouco que non sabes que facer... É un pouco o que chaman nova normalidade. Pensamos que era como un ensaio máis, ou como unha proba de son antes dunha actuación normal. 

Algunha outra actuación á vista?

De momento paréceme que temos un longo tempo para crear cousas novas, que supoño que será ao que nos dediquemos. Non contamos con tocar proximamente. Ogallá que si. Haberá que esperar que a nova normalidade se porte ben e nos permita volver á normalidade de antes. Senón, supoño que tocará algo de reinventarse pero non só no noso caso, no de todas. 

Comentarios