Carme Fouces: "O Salón do Libro non é un programa cultural corrente, é o sangue de Pontevedra"

O XXIII Salón do Libro de Pontevedra abriu esta sexta feira as súas portas, recuperando a total presencialidade. Até o 27 de marzo o Pazo de Cultura será o epicentro de múltiples actividades con Euskal Herria como país convidado. 'Nós Diario' conversa con Carme Fouces, concelleira de Cultura en Pontevedra e responsábel do evento, para facer balance do esforzo realizado en pandemia e do que veremos agora.   
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, acompañada da mascota do Salón, o lobo Orbil (Foto: Nós Diario).
photo_camera A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, acompañada da mascota do Salón, o lobo Orbil (Foto: Nós Diario).

O Salón do Libro recobra a normalidade?

Estamos entusiasmadas e case cos nervios dunha primeira edición. Despois do mal que o pasamos en 2020 cando seis días despois da inauguración tivemos que fechar e mudar todo cara ao streaming para que as nenas e os nenos nas súas casas tivesen un recuncho de goce... Sabiamos que podiamos achegar cousas mais foi moi duro e frustrante, con moito desgaste.

O ano pasado voltamos recollendo como tema a emerxencia climática, xa no Pazo da Cultura, aínda que con ocupación reducida. Sempre coa sensación da xente que non podiamos ter. Por ese motivo este ano imos con toda a ilusión, toda a arte para deixar voar a imaxinación cara a novos mundos. 

Que agarda vostede desta nova edición?

Para nós o Salón do Libro non é un programa cultural corrente, non é algo que lle encargues a unha empresa para ter actividades. É o sangue da cidade, o mascarón. O máis importante é a participación e agardamos que volte a como foi durante estes 23 anos

Historicamente o Salón sempre se relacionou co mundo da educación. Introducimos hai catro anos o Congreso de Mediación Lectora no que participa moito profesorado que busca recursos para transmitir a paixón pola lectura ao seu alumnado. A maiores, tecemos redes. Queremos ter unha relación moi estreita coas escolas da cidade que traballan todo o curso para presentar as súas obras na zona expositiva que habilitamos. Despois temos visitas de milleiros de escolares durante toda a semana con actividades específicas polas mañás. Polas tardes é máis para as familias e público en xeral. 

Atópaste con esas nais e pais novos que foron nenas e nenos do Salón e manteñen esas lembranzas de cando viñan e agora chegan coas súas crianzas para gozar. É unha irmandade entre a estrutura organizativa e toda a cidadanía. Agardamos que teña boa acollida. Agora mesmo sabemos que moitas actividades xa están cheas.

Este ano a cultura convidada é a de Euskal Herria.  

Si, mostrarán o seu proxecto educativo e a cultura que teñen. Nesta ocasión a escola convidada é a Ikastola de Zumaia, que ten 700 alumnas e alumnos, desde os cero até os 18 anos. Toda a elaboración do seu currículo baséase nas artes e na literatura. Haberá intercambio co noso profesorado para que coñezamos os recursos que teñen, relacionados coa cultura da paz e na formación das persoas como seres integrais. Elas e eles tamén levan unha parte da nosa cultura e quedaron abraiados da potencia cultural de Pontevedra e do noso país.

Estase a cultura recuperando da pandemia en Pontevedra? 

A nivel de infraestruturas temos o teatro en obras, aproveitamos a situación para facer unhas melloras. É un lugar moi empregado, no centro da cidade, e este paro empregámolo para melloralo. Por esta razón toda a actividade pivota no Pazo da Cultura. 

A nivel de cultura da cidade e dos seus axentes culturais, aínda que non sexan do Concello, temos o Museo, que conta cunha programación cultural espectacular, con grande éxito nas exposicións. 

Tamén está a actividade privada, sustentada nun programa que se chama 'Cabos soltos' para dar cobertura legal a todas as salas de concertos para que poidan programar música sen meterse en problemas legais con todas as mudanzas que houbo. Sabemos que están facendo unhas programacións marabillosas con moita participación de público. Ademais reiniciamos as 'Noites abertas', a opción de lecer para a xente moza que leva xa 20 anos, e está aberto o local de música que facilita que haxa grandes bandas na cidade. A cidade de Pontevedra, agora mesmo, ferve de cultura.

Comentarios