'Aí vén o maio!'

Carme Fernández Pérez-Sanjulián: “Esta colaboración quere ser, sobre todo, un convite á lectura de 'Arredor de si'”

Carme Fernández Pérez-Sanjulián é profesora titular na UDC. Especialista na obra de Otero Pedrayo, preparou para o coleccionábel 'Aí vén o maio!' Nós Diario o fascículo número nove centrado en Arredor de si.

Carme Fernández Pérez Sanjulián
photo_camera Carme Fernández Pérez-Sanjulián

Arredor de si foi interpretada tradicionalmente como a crónica da formación e experiencia intelectual do grupo Nós. Aínda é así?

Así é pois é ben sabido que unha parte dos seus contemporáneos se viron  reflectidos nesta novela (lembremos apenas “Nós, os inadaptados” de Vicente Risco ou artigos desta época de Carvalho Calero, por exemplo, na revista Nós), ao se recoñeceren  na demorada descrición do proceso de desvelamento daquela realidade cultural, social e política que, estando diante deles, lles era absolutamente descoñecida.

Que outras leituras pode ofrecer?

Para alén de certos elementos ideolóxicos e de referencias estritamente epocais, da man do protagonista da obra asistimos a un proceso de reflexión e análise que nos obriga a reflectir sobre que é o que define unha identidade nacional. Creo que isto é o que fai que esta obra conserve a súa vixencia e siga a provocar o interese do público lector.

No seu traballo vostede di que "á hora de lermos Arredor de si salta á vista o diálogo que esta obra establece coa produción dos autores da denominada xeración do 98"  Como é ese diálogo?

Hai unha parte do discurso da xeración do 98 que xira arredor da elaboración teórica da idea de España como nación e das claves desa identidade española que estes autores imaxinan, entre outros referentes, a partir da evocación de Castela e a súa paisaxe. Este discurso funciona para Otero Pedrayo como un referente de oposición pois unha parte importante da súa propia construción teórica ten moito de reacción, refutación e superación daqueloutro, tal como foi sinalado pola crítica que se ocupou da novela xa na época en que foi publicada (por exemplo, en 1934, por un novísimo Carvalho Calero nas páxinas de Nós).

Crear conciencia nacional a través da obra literaria, utilizando mesmo elementos reais como símbolos, parece ser un dos obxectivos de Otero. Que elementos deste tipo están presentes en Arredor de si e como os utiliza Otero?

Ao igual que acontece no resto da súa narrativa, en Arredor de si Otero Pedrayo adopta a ficción literaria como un medio para a formulación do seu pensamento político, isto é, como unha ferramenta que permite asentar unha ideoloxía e difundila entre un público máis amplo que o que asiste a actos políticos ou le textos deste tipo. Neste sentido, para alén da orixinalísima construción simbólica que Otero fai a partir do mapa de Fontán, ao longo da novela vemos como se desenvolven outros temas carregados de valor identitario como, por exemplo, a utilización da familia como metonimia da nación ou da relación home-muller (Adrián Solovio-Marquesa de Portocelos) como imaxe da dialéctica eu-outro / propio-alleo; a configuración de Santiago de Compostela como centro simbólico da Galiza etc.

Finalmente, quen era o público destinatario da obra de Otero?

Na altura de 1930, o público destinatario da obra de Otero Pedrayo era unha elite ilustrada, xa non tan limitada como a do século XIX que lía as producións de Rosalía, Curros ou Pondal, mais aínda reducida por moito que, xustamente, este fose un dos aspectos máis insistentemente traballados polo grupo galeguista.

Existe hoxe ese público?

Por máis que a situación actual non sexa, nin de lonxe, a ideal, o público lector da obra de Otero ampliouse moito. Supoño que podemos pensar que nesta situación inflúe o ensino, a difusión do libro en galego e, por suposto, toda a actividade de dinamización e normalización da lingua e da cultura galegas desenvolvida desde todos os ámbitos sociais. Con todo, é importante subliñar que, aínda que estamos a falar dun dos escritores valorados como centrais da nosa literatura, a obra de Ramón Otero Pedrayo non é suficientemente lida polo cal esta colaboración miña quere ser, sobre todo, un convite á lectura de Arredor de si.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios