Contracultura

Carme Adán: "Entendemos o pensamento de Rosalía porque somos quen de ver onde se xera a inxustiza"

Carme Adán é quen asina este ano o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para o Día de Rosalía. Adán, profesora de Filosofía, aborda o contido deste manifesto, centrado na xustiza e na necesidade de fomentar o pensamento crítico que é, como di, “unha reflexión a respecto de como nós nos situamos no mundo”.
A profesora de Filosofía Carme Adán (Foto: Nós Diario).
photo_camera A profesora de Filosofía Carme Adán (Foto: Nós Diario).

Que quería transmitir co manifesto do Día de Rosalía?

Foi unha proposta que me fixeron desde a AELG e que aceptei a pesar de que me parece dunha responsabilidade enorme. Que podo dicir eu de Rosalía que non estea dito? Porque eu nin son especialista nela nin son escritora. 

Quixen falar da dimensión de Rosalía como pensadora porque é algo que nos serve no presente. É dicir, ante que inxustizas estamos, por que non escoitamos os berros da xente que sofre ou os nosos propios, como nos absorbe o mundo tecnolóxico até o punto de non permitirnos compartir...

Isto era o que quería pór enriba da mesa, especialmente de cara á mocidade porque este manifesto se vai ler fundamentalmente nos centros educativos. Parecíame que reflexionar desde o mundo no que estamos a través de Rosalía podía ser algo que lles achegase. 

Cre que están aumentando as desigualdades?

É unha pregunta complexa. Acrecentan as desigualdades económicas? Todo apunta a que si, porque a concentración de capital en mans duns poucos é cada vez maior e só hai que mirar as ganancias da banda nestes momentos e as dificultades das persoas para pagar as súas hipotecas.

Por outra parte, tamén é certo que avanzamos na igualdade entre homes e mulleres, se ben todo apunta a que o machismo está a alza. Temos máis conciencia de que as persoas migran? Si, mais ao mesmo tempo deixámolas morrer sen case deternos a pensar en Melilla ou no Mediterráneo. Como se iso non fose con nós. Importounos moito a guerra de Ucraína hai un ano, mais que espazo informativo ocupa hoxe? 

Vivimos nun mundo cheo de contradicións escoitando só aquilo que parece que nos afecta directamente. E iso que nos afecta dura moi pouco nas cabeceiras porque constantemente hai noticias novas. A lectura de Rosalía obríganos a deternos e pensar: por que sempre existen persoas que non son escoitadas? Quen son as persoas que non son escoitadas? Pobres, mulleres, persoas fóra das nosas fronteiras ou da nosa pantalla do ordenador, as que non teñen móbil, das que non fala o youtuber de moda.

Rosalía ten sempre esa dimensión aberta para unha nova lectura que fagamos do seu pensamento porque é este o que alimenta a súa poesía e os seus versos. 

Ese pensamento propio e crítico é ao que fai referencia no manifesto.

Penso que un escritor ou unha escritora, para que se considere un clásico, debe apelar a algo no que nos poidamos sentir reflectidas. 

Cando Rosalía fala da xustiza e da inxustiza, da lingua galega ou das mulleres, está apelando a nosa comprensión sobre iso, non soamente como algo antropolóxico ou histórico dese momento, senón tamén da nosa realidade. Entendémolo porque somos quen de ver onde se xera a inxustiza. 

Cando ela se reivindica como unha muller que pensa libre é unha forma de posicionarse. O pensamento crítico é algo que utilizamos como unha frase feita, por exemplo no ensino, mais realmente non o fomentamos. Diría que inclusive o desprezamos.

A potencialidade de Rosalía, entre moitas outras cousas, está nesa defensa do ser fiel ao que se pensa e desas ideas que van contracorrente. Unha cousa que me dá medo é que entendamos por pensamento dicir o que nos dea a gana, fomentando o odio e o rexeitamento ao outro, en lugar de promover o respecto e a comprensión. O pensamento propio non é para botar por fóra, é unha reflexión a respecto de como nós nos situamos no mundo e intentamos vivir en sociedade.

Nese sentido, que destacaría do Día de Rosalía?

Creo que é moi importante celebrar o Día de Rosalía, animar a que a xente a lea desde si, porque podemos sacar lecturas propias e diferentes do que outras persoas nos contan sobre o seu discurso. Esa é a mellor proposta que podemos facer polo seu día: deixarse levar pola lectura de calquera dos seus textos.  

Comentarios