Renovación do organismo

Carme Adán e Núñez Seixas incorpóranse ao plenario do Consello da Cultura

O máximo órgano do Consello da Cultura Galega vén de renovar catro dos seus membros electivos. Así, a profesora de filosofía e ex deputada do BNG Carme Adán, o historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, a matemática Elena Vázquez Cendón e o xornalista Xosé Ramón Pousa incorpóranse ao plenario da institución.
 

Carme Adán
photo_camera A profesora e ex deputada nacionalista Carme Adán.

Os novos membros ocupan o lugar do músico Maximino Zumalave, o politólogo Ramón Máiz, o xornalista Xosé López e a bibliotecaria Concepción Varela. A xuntanza do órgano de goberno do Consello da Cultura tamén renovou no seu posto ás “conselleiras” -denominación dos membros do plenario- Dolores Vilavedra (filóloga e crítica literaria) e María Xosé Porteiro (xornalista e ex deputada do PSdeG).

A maiores, segundo informa a propia institución -“órgano estatutario da Comunidade Autónoma de Galiza de carácter asesor e consultivo, que ten como finalidade promover, difundir, asesorar e preservar os valores culturais do pobo galego”-, o plenario tamén aprobou a constitución dunha comisión temporal para a elaboración dun “informe sobre a provisión de postos directivos nas institucións culturais de Galiza”

O plenario do Consello da Cultura Galega presídeo Ramón Villares, historiador. A presidencia de honra correspóndelle ao presidente da Xunta, neste caso Alberto Núñez Feixóo. Hai unha serie de integrantes “representativos” entre os que figuran o conselleiro de Educación e Cultura -Román Rodríguez-, o presidente da Real Academia Galega -Víctor Freixanes- ou os reitores das universidades.

Final de mandato de Villares


Ramón Villares achégase ao final do seu segundo mandato -preside o Consello da Cultura desde 2006, cando substituíu a Alfonso Zulueta. Entre os nomes que soan para ocupar o posto salienta o da filóloga e académica Rosario Álvarez.

A institución conta este ano, 2018, cun orzamento de 2.547.225 euros, fornecido pola Xunta.

Comentarios