venres 25/06/21
Carlos Santiago é escritor

Carlos Santiago: "Publico agora para mandar este material poético de volta ao inferno do que saíu"

Ontoloxía poética é o título da obra que reúne dúas décadas de creación lírica do dramaturgo e director de escena compostelán Carlos Santiago. O volume recolle algúns dos textos que o autor foi incluíndo en pezas teatrais, monólogos e performances, e afronta agora as últimas semanas de campaña de micromecenado a través do portal Verkami. Conversa con Nós Diario sobre este proxecto que lanza da man do seu amigo e tamén escritor Carlos Meixide.
WhatsApp Image 2021-06-08 at 17.23.55
O monologuista, dramaturgo e director escénico compostelán, Carlos Santiago. (Foto: Nós Diario)

-Cal foi o detonante para volver publicar?

O único libro de poemas que publiquei foi Metalurxia, en 1996, e despois tomei a decisión de facer poesía en modo escénico e oral ou performático. Parecíame un proxecto máis interesante, aínda que sempre escribín poesía, prefería desenvolvela cun discurso escénico directo.

Pasados máis de vinte anos, acumulei unha produción poética que combinei en milleiros de proxectos en teatro, recitais, actos anarquistas... E todo este material comezaba a pesarme na memoria emocional e tomei a decisión de publicalos e deixalos correr a súa vida, mandalos de volta ao inferno do que saíron. 

-Que textos contén esta obra?

Organicei o material en cinco capítulos ou unidades nas que a primeira, "O paxaro mecánico", é unha poesía máis íntima, que non deixa de estar virada contra a realidade. “Caderno de notas”, que eu levaba comigo e onde anotaba ideas e poemas, agora transmitido tal cal, do que saíron ducias de pequenos textos que usei en milleiros de cousas, é como unha especie de repertorio... ao modo de poeta language, que é unha das miñas referencias poéticas.

"Soviet punk" recolle unha poesía que ten máis a ver co activismo social e cultural no que andei metido. Logo está “As cinzas de Pasolini”, un monólogo que considero un poema en prosa. E, finalmente, “Ontoloxía da incógnita”, unha reflexión poético-filosófica sobre a nación, que remata na “Elexía F”, dedicada a un amado amigo que xa non está. 

-E como xorden o mecenado e a asociación con Meixide como editor?

Á parte da relación de amizade e mutua comprensión, e da proximidade que temos en moitos sentidos, paréceme que o seu modelo baseado na autoedición e no micromecenado é unha das maneiras máis intelixentes de poder publicar hoxe en día.

Non estás preso ás imposicións das editoriais convencionais, que teñen todo o dereito a impor o que queiran, mais que tamén era unha das razóns polas que a min non me apetecía publicar. 

Estes novos medios e con alguén como Meixide, que xa experimentou outros libros, non só os del, tamén o Bestiario do vestiario de Martiño Suárez ou Escándalo no CDG de Corinna Marx, pareceume o método máis xusto que podía atopar.

Á parte, ao tratarse de largarlle ao público nada menos que cinco poemarios, desafío bastante importante, a medida de que se non consegues o obxectivo económico non hai publicación paréceme moi sa e moi xusta. 

-Imaxino que a valoración da campaña é positiva...  

Si, a falta de 300 euros aínda quedan dúas semanas e agardamos chegar sen problema, e que incluso nos dea algo de rédito, así de entrada, un libro de poesía, incríbel (ri). 

-Unha das recompensas consiste en facer un recital...

Si, e funcionou moi ben mais quedou limitada polo tema das restricións sanitarias pola Covid-19. En realidade había cinco recitais apalabrados, á parte dos dous que agora están xa precontratados, posto que estes non teñen problema de datas e poden agardar a que a pospandemia se estabeleza un pouco máis...

Os outros mecenas interesados querían facer os recitais de inmediato, unha vez finalizada a campaña, e non é posíbel. Pero hai máis locais sociais e bares interesados, así que despois haberá actuacións... 

Ontoloxía poética sae ao público en 14 días, e a partir de aí, cando isto mellore, agardo poder facer unha presentación, un evento con convidados especiais e músicos aquí en Compostela.

comentarios