Carlos Penela gaña por segunda vez o Lorenzo Baleirón de poesía

O poeta Carlos Penela (Vigo, 1975) vén de se facer, por segunda vez, co premio Eusebio Lorenzo Baleirón, fallado esta segunda feira na Casa da Cultura de Dodro. O seu libro O tépedo vento que pasa sobre o mundo, presentado a concurso baixo o lema Anábase,valeulle a consideración do xurado como mostra de “síntese e depuración ascensional”.
 

carlos penela - poeta
photo_camera O poeta Carlos Penela. Foto: cedida.

Luís Valle, Mario Regueira, Elvira Ribeiro e Branca Vilela foron os encargados de escoller a obra gañadora da 31ª edición do galardón, que Penela xa obtivera en 2000 por Acaso o inverno (Ediciós do Castro, 2001). “Amosa unha voz literaria consolidade, que atravesa moitos valores de calquera tradición”, afirmou o xurado segundo a información difundida nas redes sociais do Concello de Dodro, organizador do certame, “cunha contida e selecta escolma de imaxes e metáforas”.

Carlos Penela é tradutor e filólogo. Na actualidade residen en Viena (Austria). O tépedo vento que pasa sobre o mundo será o seu sexto libro de poemas e o sexto distinguido cun premio. A súa poética, de inspiración centroeuropea e cruzada polos debates estético políticos do século XX. Atento lector de Paul Celan, Ingeborg Bachmann ou Nelly Sachs, o seu debut publicouse en 1998 despois de levar o premio Espiral Maior: As linhagens do frio (1998).

Con O que ardeu nos espellos (Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 2004) foi accésit do hsitórico e desaparecido premio Esquío. En 2008 sairía Sombras, rosas, sombras (PEN Clube, 2008), premio Caixanova, e seis anos despois Arte de fuga (Deputación da Coruña, 2014), premio Miguel González Garcés.

O t´pedo vento que pasa sobre o mundo publicarase na editorial Chan da Pólvora. O XXXI Eusebio Lorenzo Baleirón está dotado, ademais, con 2.300 euros.

Comentarios