Carlos Mella, homenaxeado pola Fundación Otero Pedraio

O economista e escritor, que tamén foi parlamentario e vicepresidente da Xunta da Galiza, recolleu na mañá do domingo o Premio Trasalba 2022 que concede cada ano a Fundación Otero Pedraio.

Carlos Mella, na entrada ao acto (Imaxe: GS)
photo_camera Carlos Mella, na entrada ao acto (Imaxe: GS)

A 40 edición do Premio Trasalba recaeu no economista e escritor Carlos Mella (A Estrada, 1930), que foi homenaxeado pola fundación convocante durante a Festa Literaria que decorreu na mañá do domingo no pazo-museo Otero Pedraio.

O acto, no que tivo lugar a entrega do galardón, contou coa música do grupo A Roda e cunha comida de confraternización. Participaron, entre outros rostros da política, da sociedade e da cultura galega, o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices; o director xeral de Cultura, Anxo Lourenzo; a portavoz do BNG en Compostela, Goretti Sanmartín Rei, ou a Premio Trasalba 2021 e catedrática da Uvigo María Victoria Carballo-Calero Ramos.

A elección de Mella como Premio Trasalba 2022 adoptouse no mes de abril, por unanimidade da comisión de goberno da Fundación Otero Pedraio, que a motivou, “en recoñecemento ao seu compromiso e traxectoria vital, na que destacan a entrega á causa da cultura galega”.

Doutor en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, preside, a día de hoxe a Fundación Castelao e tamén ostentou a Presidencia da AELG. A súa participación na vida cultural galega levouno a ocupar a Xerencia do Padroado da Fundación Torrente Ballester.

Do ensaio á narrativa

Entre as obras ensaísticas que escribiu destacan Non somos inocentes (Xerais, 1990); A Galicia posible (Xerais, 1992), A falacia do economicismo (Espiral Maior, 1994) e Memorias dun ninguén (Galaxia, 2009) e participou en libros colectivos como Xosé Chao Rego: renacer galego (actas do simposio-homenaxe, publicado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas en 2010) ou en Á beira de Beiras (Galaxia, 2011).

Tamén cultivou a narrativa, coa publicación, entre outros, de Luces de Fisterra (Espiral Maior, 2005).

Unha intensa traxectoria política

Profesor de Economía Política na Complutense, estudou Ciencias Económicas na Sorbona, en París, e foi director xeral de Política Financeira do Goberno español.

Ademais, foi parlamentario de UCD nas primeiras eleccións ao Parlamento galego, en 1981. Após a caída de UCD nas eleccións estatais de 1982, Mella liderou un grupo de deputados que pactaron con Alianza Popular facer parte do Goberno galego. Foi entón cando ocupou a Vicepresidencia da Xunta, no Executivo do que era xefe Xerardo Fernández Albor.

O seu paso pola política levouno, tras dimitir en 1984 debido ás discrepancias con Xosé Luís Barreiro Rivas, a se integrar en Coalición Galega, coa que logrou un escano nas eleccións de 1986. Posteriormente, secundou a escisión da que naceu o Partido Nacionalista Galego, do que saíu tras o rexeitamento da formación política a unha proposta do economista para crear o Instituto de Crédito Galego.

En 1994, liderou a candidatura do BNG ao Parlamento europeo, mais non saíu elixido.

Comentarios