martes 21.01.2020

Carlos Meixide gaña o premio Camiño de Santiago coa novela 'Camiño de paixón'

A primeira edición do Premio de Novela Camiño de Santiago ten gañador: Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977). A súa obra Camiño de paixón foi a vencedora dun certame que busca “impulsar desde a creación lietraria a vertente física, histórica, cultural, social ou mesmo imaxinaria da Ruta Xacobea”.
 

O escritor Carlos Meixide (o terceiro pola dereita) con membros do xurado e o conselleiro de Cultura (segundo pola dereita) Román Rodríguez. Foto: Editorial Galaxia.
O escritor Carlos Meixide (o terceiro pola dereita) con membros do xurado e o conselleiro de Cultura (segundo pola dereita) Román Rodríguez. Foto: Editorial Galaxia.

A de Meixide foi a proposta gañadora de entre 16 nun premio que admite orixinais en galego e en castelán. A súa dotación económica é de 6.000 euros e está organizado pola Academia Xacobea, Naturgy e a Editorial Galaxia, que publicará a obra gañadora.

O xurado formárono o presidente da Academia Xacobea Xesús Palmou; o escritor Ulises Bértolo: a responsable de relacións institucionais de Naturgy en Galiza, Amalia Baltar; o catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela Pegerto Saavedra; a escritora Rosalía Morlán; e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.

Carlos Meixide é un popular autor de libros de aventuras. Atravesados polo humor e a importancia do lugar onde acontecen, títulos como Ons (2015), Cans (2016) ou Arousa (2018)   -todos autoeditados- abríronse paso entre lectores e lectoras.

comentarios