Carlos López Bernárdez: “O estilo do portal de Tui non ten relación coa tradición anterior nin coa arte do Mestre Mateo en Compostela”

Carlos López Bernárdez é historiador de arte. Sobre arte medieval é coautor do ensaio Bestiario en pedra. Animais fabulosos na arte medieval galega (2004), preparou para Nós Diario os fascículos correspondentes á Catedral de Tui e Santa María de Castrelos que se publican mañá e pasado.

 

Carlos Bernárdez
photo_camera Carlos Bernárdez

No fascículo que hoxe publica Nós Diario sobre San Martiño de Foz Aurelia Balseiro sitúa o inicio do románico neste templo. Vostede fai o mesmo, mais agora en referencia ao gótico, na porta occidental da Catedral de Tui. Pode avanzarnos algo sobre isto?

A catedral de Tui estaba a construírse de acordo cos modelos románicos, como tamén pasaba coa de Ourense. O certo é que a influencia nesa altura en Tui é a das construcións románicas da sé compostelá. A partir de 1180, despois dunha paralización, continúan as obras e xa se altera o trazado  para adecualo ao estilo gótico. En concreto, na porta occidental o que temos é unha realidade estética diferente, trátase do primeiro portal gótico peninsular, que foi extraordinariamente analizado por Serafín Moralejo na súa tese de doutoramento Escultura gótica en Galicia (1975). O estilo do portal de Tui non ten relación coa tradición anterior nin coa arte do Mestre Mateo en Compostela. Realízase arredor de 1225 e introduce fórmulas que teñen como referencia a catedral de Laon, unha construción que está situada no Camiño francés a Compostela e onde se encontran algunhas das primeiras manifestacións do gótico inicial.

Vostede fala dun programa iconográfico novidoso e moi ligado á Franza. Cais son esas novidades?

Tui presenta novidades formais e temáticas. Formalmente destaca por unha marcada verticalidade, pola maneira de elaborar as figuras das xambas que xa son estatuas e polo tímpano organizado en rexistros superpostos con dinámica narrativa e relevos ligados ao fondo. No lintel e tímpano presenta escenas evanxélicas co tema do encontro entre Cristo e a Igrexa e nestas escenas insírense os primeiros interiores e paisaxes da arte galega. Nas xambas son representadas figuras do Antigo e Novo Testamento, entre elas Salomón e a raíña de Saba.

De onde vén tanta influencia francesa, por que se dá primeiro nun punto tan afastado da Franza?

A presenza de artífices e obradoiros de orixe francesa e/ou influídos por eles non é nada rara desde o século XI, como se pode constatar nos inicios da catedral de Santiago e cómpre ligala ás intensas relacións que mantén o noso territorio co resto de Europa polo Camiño de Santiago. Alén diso, os bispos de Tui do século XIII son figuras importantes, cultas e cun complexo mundo de relacións políticas e intelectuais. O portal foi realizado so o pontificado de Estevo Exea (1218-1239) e o seu sucesor, que continúa as obras da catedral, foi Lucas de Tui, autor dun relevante Cronicón e figura de enorme importancia política.

Na semana pasada Sara Quintana falaba da aposta de Afonso VII polo mosteiro de Aciveiro.   Vostede fai coincidir a morte de Afonso VIII co inicio da decadencia artística. Considera que a creación artística e cultural necesita referentes políticos propios?

A morte de Afonso VIII (IX no computo español) en 1230 tivo unha enorme transcendencia. Finou en Sarria e foi enterrado en Compostela, con el morre o derradeiro rei galego e comeza a submisión do noso reino ao intereses de Castela. No plano estético este feito vai percibirse na progresiva provincialización da nosa arte. As grandes encomendas reais van realizarse en Castela ou na Andalucia conquistada. Só hai que comparar os scriptoria que realizan en territorio castelán a iluminación das Cantigas de Santa María co que se facía en territorio galego. Os grandes proxectos artísticos medievais están, pois, moi ligados a referentes políticos.

Vostede é tamén autor do fascículo sobre Santa María de Castrelos, unha igrexa rural con tres tímpanos que repiten o mesmo motivo: a cruz.

A recorrencia dun motivo iconográfico é unha forma de narrar, obviamente apoiada pola palabra, polo sermón relixioso. Os tímpanos de Castrelos foron decorados cunha soa imaxe simbólica: a cruz, e subliñarían a sacralidade do edificio no acceso ao recinto sagrado e nas dúas faces das diferentes portas, onde se repite o mesmo motivo que viría determinado polo ritual de consagración da igrexa.

Como interpreta esa prevalencia do iconográfico sobre o narrativo?

O protagonismo da cruz ten aínda un novo elemento significativo: a cruz situada no exterior do muro testeiro, unha cruz cumial, cravada sobre un animal bicéfalo, que semella un dragón, cos seus dentes de crocodilo e un evidente ar demoniaco. Esta representación da cruz sobre o monstro (demo) pode interpretarse, consonte co escrito por Agostiño de Hipona (Sermón 263), como un trallo para capturar o mal: “O trallo do diabo foi a morte do Señor; a isca para capturalo, a morte do Señor”. Se a isto unimos a presenza da cruz na forma interior dos óculos da absida, vemos que todo o templo está rodeado pola presenza absoluta do símbolo da paixón de Cristo e do seu triunfo sobre o pecado, que se nos presenta desde o tímpano do portal principal até o rosetón da ábsida nunha continuidade visual e conceptual.

Comentarios