Carlos Lixó: "Os castelos xorden cando Galiza avanza cara un sistema feudal"

Carlos Lixó (Carreira, 1991) comezou a indagar sobre o xurdimento dos castelos na Galiza medieval alentado polos seus directores de tese, unha liña de investigación pendente de se completar que lle permitiu traballar sobre o territorio, a memoria e a toponimia, como quería. O resultado, unha tese de doutoramento (USC) que busca estimular a escavación e documentación dos castelos galegos altomedievais merecedora da máxima cualificación: sobresaliente cum laude.
Carlos Lixó
photo_camera Carlos Lixó (Paulo Queiruga).

O preito Tabera Fonseca recolle, con detalle, o que aconteceu durante a revolta irmandiña. É un documento chave que esclarece a fin dos castelos medievais na Galiza, destruídos no período final da Idade Media. Fronte a riqueza documental que axuda a explicar o declive destas fortalezas, amplamente estudado, Carlos Lixó, autor da tese O xurdimento dos castelos na Galiza medieval (SS. VIII-XIII), bateu cunha relación de textos menos prolixa, mais suficiente para botar luz sobre un período aínda descoñecido.

—Como foi o traballo de documentación?

Foi difícil porque para os  primeiros séculos traballei só con documentos dun único tipo, como de compravenda, preitos  e outros nos que as mencións dos castelos son moi sintética. Con todo, traballei coas fontes documentais que máis información gardan do alto medievo galego: o tombo A da Catedral de Santiago de Compostela e os tombos dos mosteiros de Samos, Sobrados e Celanova; ademais de atender ás crónicas e á vida de San Rosendo, entre outras.

—Cando e en que contexto aparecen os castelos na Galiza?

A primeira información sobre castelos no noso corpus documental data da primeira metade do século X. Neste sentido,resolvín certo dilema. En moitas ocasións a documentación en latín utiliza as mesmas palabras, castrum e castelum, para referirse tanto a castros antigos como a castelos, mais comprobei que non existe continuidade entre os castros e os castelos. Os castros están documentados como unha parte moi viva da sociedade galega altomedieval. Usábanos como límite dun territorio, en moitos erguéronse igrexas, noutros seguiron existindo aldeas. E os castelos tardan moito máis en aparecer de forma explícita, de feito, xorden máis tardiamente que noutras partes da Península e de Europa.

—Como explica esta aparición tardía na Galiza?

Esta dilación pódese interpretar como unha maior resistencia á hora de impor esas estruturas de poder. Baixo o meu punto de vista, este foi un territorio cuxas estruturas políticas básicas non foron interrompidas pola chegada dos musulmáns á Península.  Non se interrompeu a propiedade das terras nin a habitación do territorio, non houbo despoboamento máis aló dun leve trastorno das altas esferas políticas. Polo tanto, non se encontran castelos de conquista como os que se vén noutros lugares, onde se usaron como mecanismo de recomposición social no medio de grandes mudanzas.

—Con que fin se constrúen aquí os castelos?

Tense falado moito dos castelos como resistencia fronte os viquingos e fronte aos propios islámicos en épocas posteriores, simplemente como defensa exterior. Eu defendo que nalgúns casos serven para iso pero, na Galiza, xorden como instrumento de poder feudal. Non para defenderse de ninguén alleo senón como puntos de tensión que canalizan todas as dinámicas de poder: entre uns nobres e outros nobres, entre os nobres e o rei mais tamén dos poderosos para se impoñer sobre os campesiños, que eran a principal fonte de riqueza ao garantir o traballo da terra.

Polo tanto, xorden como un fenómeno interno dentro do proceso de feudalización da Galiza, de avance cara un sistema feudal no que o poder público é privatizado en case todos os sentidos; non como resposta á conquista islámica nin tampouco cando hai feudalismo en Francia. 

—Quen promove os castelos neste escenario de feudalización da Galiza?

A lexitimidade hipotética dos castelos é do rei, pero en moitos casos acontece que os nobres non aceptan a súa autoridade e revélanse contra el. Na documentación galega non se observan castelos que sexan de raíz privada, como calquera outro ben de compravenda, representan algo máis importante cuxa titularidade lle corresponde ao rei, que é quen delega o seu goberno nos nobres. Unha vez ao cargo, son tan poderosos que xestionan o castelo á súa maneira, sen respectar moitas veces o que o rei diga en teoría.

—Onde se constrúen e que características teñen os castelos altomedievais?

A maioría están emprazados no alto dos montes co fin de garantir unha boa visibilidade  sobre  os vales onde se asentas os campesiños e as vías de transporte. Tamén os define que non acollen poboación no seu interior nin o seu redor. Son torres solitarias que desde o punto de vista arqueolóxico non foron escavadas nin documentadas en profundidade. A maioría da nosa arqueoloxía enfocouse  cara o estudo do mundo antigo, do mundo castrexo, que deixa na paisaxe uns restos moito máis espectaculares, cargados de importancia simbólica para as comunidades campesiñas.

—A arqueoloxía non lle prestou suficiente atención á parte medieval dos xacementos?

É certo que sempre puxo máis o foco na parte castrexa, obviando a medieval. A simple vista, é verdade que os castelos son máis difíciles de detectar, porque moitas das fortalezas que aparecen na miña documentación cun topónimo propio, hoxe en día, non existen, nin o topónimo nin restos materiais visíbeis. 

Eu o que fixen foi buscar posíbeis coincidencias de topónimos, ir a unha área concreta e ver que nomes de lugar sobreviven do tipo O Castelo, A Torre, O Casto para comprobar no inventario arqueolóxico da Xunta se teñen documentado algún castelo medieval. Neste sentido, queda moito traballo por facer. Hai moitos sen catalogar que non se sabe onde están. Nuns casos a documentación é moi breve e noutros, nin sequera existe. Así, hainos que están a ser escavados e que non aparecen no corpo documental co que eu traballei e probabelmente en ningún, como pode ser o castelo do Casón, en Ortigueira.

—De todos os castelos que aparecen no seu corpo documental, cales diría que gozan dun valor paradigmático?

Recollín máis dun cento, pero de entre todos hai dous que xa gozaban dese carácter exemplar: as Torres do Oeste, en Catoira, e o castelo da Lanzada, en Sanxenxo, dous castelos marítimos, en mans do Arcebispo de Santiago, fundamentais na defensa contra os inimigos externos. En ambos casos, están documentadas loitas contra os viquingos e contra os musulmáns. E se son famosos, tamén, é porque serven de contraste fronte ao resto de castelos, foron moi estudados e sabemos moito deles.

—Veremos publicado axiña o seu traballo?

Confío en que así sexa. Se non de forma íntegra, si espero ver nun libro algún dos capítulos centrais da miña tese, que ben pode servir axuda a quen queira comezar a investigar sobre os castelos altomedievais, quen teña interese na súa escavación ou queira saber máis.

Unha reflexión sobre a paisaxe, o castro e o castelo de Laboreiro

Carlos Lixó dedícalle ao castelo de castro de Laboreiro, en Portugal, un capítulo fundamental da súa tese. "Serviume para moito, para ver como nun lugar onde había un castro se acabou construíndo un castelo moito tempo despois, como a serra do Laboreiro marca a paisaxe e pecha o horizonte, facendo ás veces que se confundan as mencións, atribuíndolle ao castelo referencias que son propias do monte", asegura.

Neste sentido, permitiulle unha reflexión sobre o castelo e a paisaxe que o leva a afirmar que a habitación do territorio na Galiza "foi moi profunda e arraigada". "Coa romanización, a sociedade cambiou. Pasou dos castros ás aldeas, que chegan até hoxe". Lixó defende unha organización e un dominio absolutos sobre o territorio desde moi antigo. O gran cambio, di, foi o abandono dos castros, que se converteron en referencia esencial dos límites das aldeas, non tanto en castelos. "Isto di moito da súa densidade, mais tamén do seu valor simbólico como lugares de memoria".

Comentarios