domingo 31.05.2020

Carlos Da Aira e Raquel Lima, gañadoras do aRi[t]mar de poesía 2020

Os poemas gañadores do certame serán interpretados na Gala que se realizará a finais deste ano, xunto coas cancións premiadas de Sabela e António Zambujo, e a participación de Georgina Benrós De Mello, premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona.

Carlos da Aira (Foto: Eladio Méndez)
Carlos da Aira (Foto: Eladio Méndez)

A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela vén de pechar o proceso de votación dos poemas finalistas do certame aRi[t]mar Galiza e Portugal, onde os gañadores foron o galego Carlos Da Aira, polo poema Nas noites de luar (Prender os fachos, compoñer os ósos, Espiral Maior, 2019), e a portuguesa Raquel Lima, por Liberdade mais cruel (Ingenuidade Inocência Ignorância, Animal Sentimental e BOCA - palavras que alimentam, Lda, 2019).

As seguintes clasificadas foron Tamara Andrés (Galiza) por No medio desta paisaxe, e Filipa Leal (Portugal), por Projecto político 3: El Corte Inglés e, en terceiro lugar, Olga Novo (Galiza), por Síndrome de Stendhal e José Manuel Neves (Portugal) con E se fosse proibido abraçar.

Os poemas foron escollidos por votación popular online aberta a todo o público galego e portugués. Ademais das  comunidades educativas e sociais da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, participaron tamén as da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Instituto de Línguas e Ciências Humanas da Universidade do Minho (Braga), Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza, e os Centros de Estudos Galegos de máis de 35 universidades do exterior, ben como centros de ensino secundario de fóra de Galiza en que se imparte galego, e o público en xeral.

Divulgación da cultura galego-portuguesa

aRi[t]mar Galiza e Portugal é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, que ten por obxectivo a divulgación da música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa Lusofonía. 

comentarios