Carlos Cernadas: "As letras son máis interesantes e teñen máis sentido se as escribo en galego"

Natural de Rianxo, Carlos Cernadas é responsábel do proxecto artístico Sons of Exodus. Hai pouco máis dun mes que se estreou o seu segundo traballo, Castrexos, e agora xa está a traballar para levar a súa música aos escenarios galegos.
carlos
photo_camera O guitarrista, residente en Londres, comezou co proxecto 'Sons of Exodus' hai tres anos. (Foto: C.C.)

'Castrexos' é o seu segundo traballo. Que podemos atopar nel?

Este disco segue a liña do anterior, tamén é un disco conceptual. Fala dunha historia ficticia escrita por min, pero relacionada coa historia de Galiza, neste caso un poboado Castrexo. Conta con menos pezas que o anterior, mais a produción está moito máis coidada. Colaboran músicos como Carlos da Silva, gaiteiro que xa formou parte do anterior proxecto ou Sabela Galbán, integrante da banda de Sés. En comparación co primeiro, no que a maioría das pezas están en inglés, neste están todas en galego. Para min é moito máis natural, síntome moito máis cómodo e penso que as letras son máis interesantes e teñen máis sentido se as escribo en galego antes que en inglés.

Que diferenzas salienta en relación ao anterior?

Eu quero pensar, polo menos é o que me comenta a xente, que este álbum é mais coherente. A única canción en galego do anterior disco foi a que mellor funcionou, imaxino que por cuestións de composición e tamén porque quedou mellor gravada. Entón, decidín seguir por esa liña, que era a que más sentido tiña.

O proceso foi similar. Eu o que quería facer era aproximarme ao folk rock ou folk metal, mais con música galega. Partindo desa idea, púxenme en contacto con xente vencellada á música tradicional e axudáronme no proceso. 

Comecei gravando a pau seco a músicos como Carlos da Silva, muiñeiras e máis pezas. A partir desas gravacións, empecei a traballar a composición. Collín 4 notas ou un motivo curto deses temas e transfórmoo. Unha das cancións do disco, titulada Camiños, en realidade é un anaco dunha muiñeira, pero pásase á linguaxe do rock. Esa é un pouco a idea. Eu creo que se nota a diferenza, que non é simplemente unha gaita con guitarras eléctricas e os acordes que corresponden, intento que sexa un pouco máis sofisticado

Cada un dos traballos está asociado a unha historia. De onde sae esta idea?

A min sempre me gustaron os discos conceptuais. Na meirande parte dos álbum, fanse unha serie de cancións, elíxense as mellores e inclúense nel, pero entre elas non adoitan gardar unha relación. Pode haber propostas similares ou un fío temático, pero cada canción é un mundo. Eu prefiro que os traballos sexan un pouco máis cinematográficos, mais tampouco sen chegar ao punto de ser unha canción extensa. Ademais, gústame escribir, aínda que dunha forma amateur, e relacionalo con ese folk. Non escribo unha cousa e logo fago a outra, senón que levo a cabo as dúas ao mesmo tempo. É un pouco raro, pero así voume inspirando a medida que vou traballando. Parece desordenado, pero é máis orgánico, a min funcióname.

Todo isto forma parte do proxecto 'Sons os Exodus'...

Si. Eu trasladeime a Londres hai cinco anos para estudar Música Creativa. Cando rematas o grao, hai un proxecto final que consiste en elaborar un disco. Aínda que comecei hai tres anos, é algo que tamén me andaba pola cabeza antes, pero non consideraba que estaba preparado. De feito, presentei o proxecto, pero logo antes de publicalo reviseino e dinlle unha volta. Era un traballo de fin de carreira, pero tamén existía esa intencionalidade de sacalo adiante.

Ten pensado presentar a súa proposta ao público galego a través de concertos?

Até o de agora, pola situación sanitaria e estando aquí, non tiven oportunidade de levalo ao directo. A banda xa está formada e presentareina seguramente este Nadal. Agora xa estamos planificando todo. Imos ter unha data organizada polo Concello de Rianxo, pero aínda non está confirmado o día. Para este verán xa sabemos que vai estar difícil introducirse en moitos sitios, pero hai que comezar e mesmo pensar xa en 2023. Estou seguro de que algunhas datas van saír, canto antes nos movamos mellor.

Comentarios