luns 29/11/21
CATRO HOMES OPTAN Á HOMENAXE

Carlos Casares, o gran favorito para as Letras 2017

Non haberá polo de agora cuarta muller homenaxeada no Día das Letras. Un ano máis a nómina de finalistas é masculina: Carlos Casares, Carvalho Calero, Plácido Castro e Fernández Morales.

rag2'17
De arriba abaixo e de esquerda a dereita: Carvalho Calero, Carlos Casares, Plácido Castro e Fernández Morales. [RAG]

O Pleno da Real Academia Galega elixirá mañá sábado, 9 de xullo, a personalidade literaria á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2017, que remata con catro candidatos masculinos e deixa polo camiño a poeta e tradutora Xela Arias, que si fora unha das opcións do pasado ano, xunto con Carvalho Calero e Manuel María. 

Entra con forza a candidatura de Carlos Casares, tanto polos seus méritos literarios, como pola súa importancia no eido máis institucional da cultura e polos xogos de poder que rodean a Academia.  

Desta volta entra con forza a candidatura de Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002), tanto polos seus méritos literarios, como pola súa importancia no eido máis institucional da cultura e polos xogos de poder que rodean a Academia. Casares, que encarnou no seu momento a renovación do ‘piñeirismo’, foi director de Galaxia desde 1986 até a súa morte, e tamén presidente do Consello da Cultura Galega, ademais de deputado independente nas filas do PSOE en 1982. Desde a súa morte a súa Fundación xestiona o seu legado. 

A seguinte opción en posibilidades, segundo as fontes consultadas, é o eterno candidato, Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), cuxa valía ninguén discute pero a súa elección suporía entrar no conflito normativo, razón pola que até o momento non foi elixido. Sen embargo, a súa candidatura foi gañando adeptos cos anos, incluíndo académicos ligados ao Instituto da Lingua Galega. 

Carvalho reabriría a cuestión normativa, pero tamén nos achegaría á súa monumental obra, tanto literaria como ensaística.

Efectivamente, a súa elección reabriría a cuestión normativa, pero tamén nos achegaría á súa monumental obra, tanto literaria como ensaística, onde ten publicado valiosos traballos tanto a nivel literario (‘Historia da Literatura Galega Contemporánea’, 1963) como lingüístico.

Podería haber algunha sorpresa con Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-1896), un berciano escasamente coñecido, autor dunha soa obra (‘Ensayos poéticos en dialecto berciano’, 1861) e pouco estudado pero cun perfil pouco habitual e, polo tanto, interesante. Estamos a falar dun militar que publicou o segundo libro escrito en galego no Rexurdimento despois de ‘A Gaita Gallega’ de Xoán Manuel Pintos’. Apoiado por toda a cultura da súa comarca (incluído o Amancio Prada, o xornalista Valentín Carrera ou o académico correspondente do Bierzo, Héctor Silveiro), a súa elección suporía un pulo importante á lingua galega no Bierzo, precisada de apoios e conexións co resto do país. Ademais, en 2017 celébrase o bicentenario do seu nacemento. 

A elección de Fernández Morales suporía un pulo importante á lingua galega no Bierzo, precisada de apoios e conexións co resto do país. Ademais, en 2017 celébrase o bicentenario do seu nacemento. 

En 2002 a Academia xa elixira a Frei Martín Sarmiento (Vilafranca do Bierzo,1695 - Madrid, 1772) e o acto central do 17 de maio celebrouse alí logo de que houbera un movemento galego-berciano de presión ao daquela presidente, Xosé Ramón Barreiro. 

Por último, queda o perfil de Plácido Castro (Corcubión, 1902 - Cambados, 1967), escritor, xornalista e tradutor, que viviu boa parte da súa vida no Reino Unido, primeiro por razóns familiares e logo por mor do exilio. Membro das Irmandades e do Partido Galeguista, en 1933 participou como representante de Galiza no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, onde se considerou Galiza como unha nación.

Plácido Castro como homenaxeado obrigarianos a repensar a necesaria internacionalización e promoción exterior da nosa cultura.

A súa figura, sumida no esquecemento, foi recuperada fundamentalmente grazas ao labor de Xulio Ríos, director do IGADI, a partir do cal se creou a Fundación Plácido Castro, que ten como obxectivos manter o seu legado e promocionar a tradución de libros ao galego. Na súa honra tamén se instituíu o Premio de Tradución co seu nome. A súa elección suporía traballar ao redor do tema da necesaria internacionalización e promoción exterior da nosa cultura.

Carlos Casares, o gran favorito para as Letras 2017
comentarios