Carlos Blanco, "Londres tiña que entrar nas nosas xiras por territorio galego"

Chegou, contou e trunfou. Carlos Blanco estivo de xira en Inglaterra e a súas actuacións en Londres poderíanse resumir como dúas horas de humor a cachón e gargallada continua. Máis de cen galegos e galegas emigrantes na cidade gozaron dunha última noite de retranca que el defende como "patrimonio da humanidade".

Carlos Blanco en Londres
photo_camera Carlos Blanco en Londres

Vives na Illa de Arousa e ves de rematar tres espectáculos cheos de éxito nas Illas Británicas, estás a facer un estudio comparativo de humor insular ou cadrou que pasabas por aquí?

Nada de coincidencia. Todo isto foi algo ben planeado e froito do traballo de moito tempo e moitas persoas. Debo agradecer en especial a labor de Olga Pastor, unha galega que vive aquí en Londres, xa que de non ser por ela esta pequena xira nunca se tería feito. Pero levo tal satisfacción que calquera esforzo pagou a pena. O que eu quixera, o que de verdade agardo ter feito con isto, é abrir unha corredoira para que outros continúen por ela. Se hai 30.000 ou 40.000 galegos en Londres estamos a falar de todo Narón, así que por que non introducilo nos nosos roteiros coma calquera outro punto da xeografía galega? Oxalá pronto gocedes por aquí de Sés ou Quico Cadaval.

Se obviármos o i-phone no peto e a ausencia dun espontáneo a asubiar o Galicia, terra nosa, que diferencias atopas entre a túa actuación de hoxe e as de Pucho Boedo cos Tamara na Suíza dos 60?

Máis que coma en Suíza lembreime desa actuación aquí en Hammersmith, dese croner galego que ben retratou Xurxo Souto e do xeito no que foi recibido. Pucho era un embaixador. E a enerxía que eu sentín hoxe posuía unha forza que non sempre se atopa por aí fóra. Nas Casas de Galicia en América, por exemplo, o público sempre é de maior idade pero o que o aquí percibín en tanta xente nova foi algo especial.

Tanta xente nova e volta outra vez a sachar en leira allea, ata cando?

Non o sei. Miña tía foi para Bos Aires, miña irmá estivo en Bélxica e meu sobriño vive aquí en Londres, semella unha rotación cíclica que se repite cada 30 anos. O que si creo é que toda esta forza volverá algún día con outro ollar e novos azos que sen dúbida deixarán a mellor das pegadas na terra.

E para cando unha candidatura en firme da Retranca como Patrimonio da Humanidade?

Para xa! Dime onde asino que conta con todo o meu apoio.Carlos Blanco, "Londres tiña que entrar nas nosas xiras por territorio galego"

Comentarios