Carlos Blanco conta historias, Luís Davila debuxa

“Menú do Día” é un espectáculo singular. Os ingredientes son as historias ao vivo de Carlos Blanco debuxadas no escenario por Luís Davila. Unha proposta que recala no Teatro Colón da Coruña e que logo visitará Monforte, Pontevedra ou Santiago. 

Dávila e Blanco
photo_camera Dávila e Blanco

Debuxar as historias coa particular maneira de contar de Carlos Blanco semella misión imposíbel mais Luís Davila consígueo no espectáculo “Menú do Día que estará a sexta día 2 e o sábado día 3 no Teatro Colón, o día 10 en  Monforte, o  24 en Pontevedra e o 31 en Santiago. 

Singular é que a ilustración forme parte dun espectáculo teatral mais, neste caso, os dous artistas apostaron por un proxecto orixinal no que Davila debuxa ao vivo en pantalla xigante as historias que Carlos Blanco relata. O humor é o grande protagonista da proposta, tanto o gráfico de Davila como o oral de Blanco. O espectáculo conta ademais con música orixinal de Budiño e Kepa Junquera. Historias como “As bravas do país”, “Dora a desbrosadora” ou “Os kiwis” forman parte do abano de contos que os dous artistas levarán á escena. 

“Menú do Día”, despois de recorrer distintos teatros de Galiza, presentarase en Madrid, Barcelona, Lisboa e Londres. 

Comentarios