GUIONISTA E ESCRITOR, NOMINADO AOS GOYA CANDA IGNACIO VILAR

Carlos Asorey: “Con A Esmorga partiamos dunha obra mestra e tiñamos que estar á altura”

Xunto co director, Ignacio Vilar, Carlos Asorey é finalista dos Premios Goya polo guión adaptado de A Esmorga. Guionista e escritor, Asorey explícanos o proceso de levar ao cinema a novela de Blanco Amor. 

Carlos Asorey
photo_camera Carlos Asorey

-Que supón a nominación para unha película que, polo de agora, só foi estreada nas pantallas galegas?

Unha sorpresa, unha gran alegría e case diría que unha pequena milagre. Ignacio e eu tiñamos certas esperanzas de que se recoñecera o traballo mais eu non confiaba en que quedara finalista unha película que non se viu nin en Barcelona nin en Madrid. A repercusión que tivo na Galiza foi fundamental. Ser finalista foi inesperado e, a verdade, xa en si mesmo un importante recoñecemento. 

-Pradolongo, Vilamor e agora A Esmorga. O seu nome aparece nas tres películas de Ignacio Vilar, case unha parella de feito do cine, non é?

Xa me gustaría ser parella de feito! Temos liberdade de acción e iso significa que nos entendemos moi ben, desde o principio. Para a súa primeira película con actores novos, Pradolongo buscoume a min como guionista porque sabía que a miña orixe galega tamén me ía permitir entender ese mundo. O resultado foi moi bo e, a partir de aí, repetimos. O meu papel é mais o de escritor e o del, o de director. Eu lánzome á escrita e el ten máis as claves visuais e a verdade é e cadramos moi ben, traballamos moi a gusto. Vivo en Madrid e o meu traballo en cine e televisión desenvólvese en castelán mais Ignacio soluciona iso coa calidade da súa lingua. Ás veces trasládome para ver onde quere rodar. Todas as súas películas están relacionadas cun lugar e a min gústame coñecelos.  

"Que unha película que non se vira nos cines de Barcelona ou Madrid chegue a finalista é xa unha sorpresa" 

-Nese traballo a catro mans, quen impón os seus criterios?

O labor do guionista é adaptarse ao director. Forma un equipo completo, ao final o que a xente ve é a película e non o guión e este é o que se ten que adaptar. De todas maneiras, a clave está en adaptarse sen ceder de todo, en equilibrar o final. O director transmíteme o que quere poñer, a música, as cores, os olores, os espazos... e todo ten que estar moi equilibrado. Son eu o que, de todas maneiras, o que máis teño que teclear e aportar literariamente. Aí o director déixame máis terreo. 

-Vostede, que tamén é novelista, como se enfronta á adaptación dunha obra como A Esmorga que é xa un clásico na nosa literatura?

A obra de Blanco Amor é moi cinematográfica. En certa maneira facilita as cousas, porque nos dá argumentos, mais compre pasalo a un medio distinto que é o cine. Partimos dunha obra mestra e temos que facer algo que estea á altura para non escoitar aquilo de “co bo que é o libro que mal quedou a película”. Cando se adapta unha novela hai que seleccionar o que vai e o que queda fóra e tamén a forma que se lle dá. Tomar decisións. A obra de Blanco Amor é complexa e había que tomar decisións de como contala, como serían as escenas, como se traslada o pensamento dos personaxes... e elixir unha estrutura final.

-A Esmorga é o que chaman unha película de actores e algún deles dicía que fora moi dura, con escenas moi longas... 

A verdade é que no traballo non penso nos actores senón nos personaxes, como son, como funcionan e como senten. O traballo con actores é máis de Ignacio e con el temos falado do mal que o pasaban mesmo fisicamente porque é unha película de inverno, de moito frío... Cando os actores din que os personaxes son difíciles están encantados, é o mellor que lles pode pasar. Á historia démoslle ritmo cinematográfico mais si é certo que hai escenas longas, case como varias películas dentro dunha. Os papeis son complicados mais os actores saíron con nota.

-Como foi o traballo directamente coa novela, cantas veces tivo que lela? 

Lin a edición en galego e a castelán, a tradución de Blanco Amor. Logo subliñei moito. O que fago normalmente é documentarme ben. Por exemplo, para a serie sobre Adolfo Suárez lin 22 libros arredor del. Lin as dúas versións e logo fun facendo marcas e seleccionando o que ía obrigatoriamente. 

-A súa traxectoria desenvólvese no mundo do cine e televisión españois, vive en Madrid... unha película con tan forte presenza da identidade galega como A Esmorga vai interesar, por exemplo, nos cines madrileños?

Fíxenme esa pregunta desde o inicio. Ignacio dicíame que esta obra é obrigatoria no ensino mais a miña filla mándanlle ler unha novela americana... ao final os sentimentos, os personaxes e as historias boas calan en Todas partes. Todo o mundo entende os sentimentos básicos e as historias directas e simples no bo sentido. Cando vin o bo acollemento que estaba a ter en Galiza dubidaba de si en Madrid podería ter repercusión. Agora penso que pode gustar e cada vez máis. Os académicos tiveron que votala, aí non hai trampa nin cartón. Tiveron que sentir que o éxito en Galiza era tal que algo pasaba, a película máis vista do momento e iso despertoulles curiosidade. A Academia crea unha plataforma en internet para que se podan ver as películas mais a maioría preferimos velas en salas de cine, na rede pouca xente o fai mais estar de finalista demostra que a curiosidade picou. Os comentarios que me están a chegar de académicos amigos é que lle gustou. Entenden o  drama interior dos personaxes. A Esmorga pode interesar fóra de Galiza como gusta unha película que se fai en Xapón, un mundo distinto ou unha norvietnamita. Os mundos son distintos pero podes achegarte aos seus dramas. 

"A Esmorga pode interesar fóra de Galiza como interesa unha película norvietnamita ou xaponesa"

-Vostede é guionista de series de éxito como Cuéntame ou Suárez. Son traballos moi distintos?

En cine teño dez películas estreadas e eu diría que cada un dos traballos é distinto, con formas de traballar diferentes. Sempre hai que empezar desde cero. É máis, diría que cada capítulo dunha serie é tamén distinto, hai que volver a emocionar ao espectador. A Esmorga foi para min unha satisfacción especial que me meteu nun lugar concreto, como fai sempre Ignacio Vilar. Gocei con este traballo, paseino ben. Nese tempo, a concentración é tal que non podes pensar noutra cousa. 

-Os seus apelidos son Asorey Brey que o emparentan, entre outros nomes coñecidos, co escultor Asorey, Bouza Brey ou Rajoy Brey...

Tamén con María Brey, curmá da miña nai, unha personaxe de primeira que foi secretaria de Azaña e encargouse de salvar patrimonio cultural na guerra. A súa colección de libros, documentos e gravados que logo cedeu á Real Academia era un legado de moita relevancia. O meu avó era o fotógrafo Pedro Brey. Descubrín as súas fotos na casa familiar e logo se lle fixo unha exposición producida polo CGAI. O meu avó e o de Mariano Rajoy eran irmaos. 

Comentarios