Carlos Arias: ""Sobol é unha aposta pola liberdade desde a poesía"

Sobol de Carlos Arias é terceiro título colección de libros dixitais de Sermos Galiza que inauguraron Mundo maquinábel de Tati Mancebo e Animalario Estrafalario de Rafa Villar. O novo libro xa está a dispor na nosa loxa.

Carlos Arias
photo_camera Carlos Arias

Os títulos da traxectoria literaria de Carlos Arias visitan distintos xéneros e debuxan o amplo abano no que se move o autor. Desde o primeiro manual de xadrez en galego até a biografía de Eugenio Granell, desde o relato O barco de seixo, que lle valeu o Camilo José Cela en 1991 á novela Libro das capitulacións de Xulio Corveira Andrade (Toxosoutos) ou Ríos que se abrazan (Toxosoutos). En poesía é autor de Dor da claridade (Bubela, 2008) e agora con Sobol publica o seu primeiro poemario en formato dixital. 

-Por vez primeira publica un libro na rede, que posilidades achega o soporte dixital para a literatura?

Creo que moitas: a accesibilidade ao longo do tempo, a facilidade para a transmisión, o uso de recursos multimedia como complemento, a economía de espazo e de materiais, e supoño que deixo moito aínda por explorar.

-Acaelle ben a pantalla á lectura da poesía?

Persoalmente, paréceme que a percepción lectora depende moito da actitude coa que vaiamos a ela. Nun momento dado, perdemos o ambiente da praza e a voz do xograr, coa súa música, e agora o desprazamento vai cara a outro soporte. A praza resulta moi agradable de cando en vez, pero bastante limitada para percibirmos o fluxo real da creación, polo que nos apañamos doutro xeito.

-Sobol é o seu novo libro de poesía, cal é o sentido do título?

Creo que se ve doadamente que se trata de 'lobos' escrito do revés. Vexo o lobo como un animal que avanza en calquera circunstancia, en solitario ou na manda, cunha mirada decidida cara ao futuro, e cos pés ben enraizados na terra. A inversión das letras responde a unha idea especular: entendo que estes lobos corresponden a un mundo ideal, coa súa simboloxía, que se desenvolve virtualmente no espello, á espera de que saibamos crear o vencello para que entren en acción consciente sobre a realidade que vivimos.

-Ao meu ver, no libro unha palabra ten especial forza: a experiencia.

Síntoa como o noso gran tesouro. A capacidade de levar canda nós o rexistro de todo o que sucede na nosa traxectoria fornécenos unha calidade distinta, na que todo se integra, e podemos combinar os elementos consonte a nosa decisión, se desexamos facernos responsables dela.

-”Cando chegue estarei preparado para o abrazo/e as miñas alforxas baleiras xa de brétemas e medos”. No seu poemario exprésaxe a vontade de despoxarse de pesos, cun espíritu ascético que se impón nos poemas. Responde a unha necesidade vital?

Se observamos as cousas que nos fan sufrir cun pouco de distancia, veremos deseguida que o desazo máis grande procede dos nosos patróns mentais, das expectativas que creamos, das esixencias infundadas de que os acontecementos respondan á nosa pequena lóxica; se imos máis aló, vemos que os conflitos bélicos, as catástrofes e calquera desaxuste na escala mundial están nutridos por actitudes colectivas apreixadas en vivencias ou conceptos dun pasado moi remoto, aos que podemos acceder voluntariamente e liberalos do noso ser, individual ou colectivo. Penso que estamos ás portas dun novo tempo, de benestar inimaxinable, porque os recursos desenvolvidos permiten acceder a el, se os utilizamos para ese fin. Necesitamos asumir a nosa liberdade, e iso significa quitarmos de encima o que outros sentiron e creron, que lles valeu para o seu momento, pero que xa non ten sentido hogano.

-Sobol defende o espazo para o encontro reflexivo e afástase da voráxine do posuír do noso tempo. ”Só aspiro ao té quente da mañá, compartido no aroma vagadío de fogar habitado”. Esa é a mensaxe?

Nun gran de arroz está todo o universo, di o Tao. Creo que se vivimos en plenitude un instante, que pode estar no recendo do té, podemos gozar de todo como experiencia vital, incluídas as pasaxes máis catárticas que nos corresponda atravesar. Aí podemos unir a nosa cerna coa dos máis, cunha mirada nova, libre. As filosofías orientais parécenme marabillosas, pero temos ao noso alcance darlle sentido a todo o desenvolvemento occidental, en prol dunha humanidade que se comprenda e que utilice a súa enerxía como un só ser multimorfo, á procura da súa verdadeira proxección.

-A súa é unha poética singular, cun forte trazo de identidade do autor. Con que liñas se identifica ou se sente próximo?

Así, de primeiras, sáeme a potencia sensitiva de Novoneyra, que entra na alma do que toca, xa se trate do Courel, de Vietnam ou do que lle leve a atención. Nesa capacidade están tamén impresionantes poetas, como Pessoa, Vallejo, Foix, Blake, Kavafis ou Brodski, que me deron alimento e confianza en que existe o camiño. Podemos seguir cos monumentos medievais, a súa sonoridade e a súa profunidade, aos que tamén accedín abraiado, para sentir a inmensa beleza que espertaban en min. Tamén, no inmediato, déronme moito Profundidade de campo, de Yolanda Castaño, ou A experiencia inglesa, de Paulino Vázquez, xunto coa potentísima delicadeza de Eva Veiga, ou o sentimento de voz colectiva de Chisco Fernández Naval. Tamén, por suposto, ao sentimentalismo, o movemento ao que pertenzo, na procura de que a creación galega abra os seus horizontes máis alá do minifundio, para acadar unha voz propia, na que caiban todas as individualidades.

-Que papel pode ter a poesía nesa busca persoal que se intúe en Sobol?

Para min, a creación artística lévanos ás partes descoñecidas da nosa identidade. A poesía, como linguaxe de inmensa densidade, permite liberar a través da palabra unha cantidade enorme de enerxías que necesitan expresarse. Falo das emocións que esperta, das perspectivas que descobre cando te entregas a ela, pero, sobre todo, da comunicación que establece a través do intanxible. Existe unha realidade psíquica, na que cada estímulo que procesamos na mente consciente vai acompañado de 500.000 no subconsciente, e iso ofrécenos unha idea do que move a lírica, nutrida por ese caudal inmenso, e pola conexión que establecemos co inconsciente colectivo, que traslada o sentir da humanidade e modula o seu destino.
 
-Utiliza algunha fórmula para se achegar a esa expresión?

Como persoa, considérome un todo, que forma parte doutra totalidade infinita. A poesía aparece como expresión dunha busca, na que manexo moito enerxías de consciencia, con técnicas específicas para entrar nas vías que preciso para o meu desenvolvemento. Practico tamén unha forma de meditación, baseada tanto na tradición oriental coma nas revelacións occidentais da psicoloxía, e na realidade de vivir nun punto concreto do planeta nun tempo concreto, cos seus ritmos e as súas esixencias. Resúltame marabilloso ter un lampexo da lóxica profunda que lle dá sentido a todo, e traslado o que podo a través da poesía.
 
-Estame a falar dun místico?

Dun home que toma a decisión de procurar a autenticidade, como pode facer quen queira, cunha decisión tan digna coma calquera outra.

Comentarios