Carlos Amoedo: “A paralización dos dous edificios da CdC non vai ser a custe cero”

O profesor de Dereito Administrativo na UdC e especialista en lexislación cultural foi secretario xeral da Consellaría de Cultura no bipartito no tempo no que se aprobou unha paralización temporal dos dous edificios da Cidade da Cultura.

Carlos Amoedo
photo_camera Carlos Amoedo

Como valora o anuncio da paralización definitiva de dous edificios da Cidade?

Trátase, ao meu entender, dunha paralización-trampa, por parafrasear a un coñecido eurodeputado en vías de extinción. O acordo adoptado pola Xunta o no Consello do 13 de febreiro non é unha suspensión definitiva das obras dos dous edificios centrais que restaban por construír (o Teatro da Música e o Centro de Arte Internacional), senón un acordo que vai moi alén, engadindo un elo máis á cadea de despropósitos característica deste asunto. 

En que sentido é un despropósito máis?

Máis que a rescisión por mutuo acordo dos contratos adxudicados en xullo do 2005 polo goberno en funcións de Fraga, no que –dito sexa de paso– sentaba o propio Feijóo, trátase de garantir o remate do proxecto mediante a privatización do financiamento da construción destes dous edificios, e a entrega da súa xestión ás contratistas durante 35 anos. 

"Trátase de garantir o remate do proxecto mediante a privatización do financiamento da construción destes dous edificios, e a entrega da súa xestión ás contratistas durante 35 anos". 
 

Trátase dunha nova solución funámbula ao problema de como acabar o complexo sen pagar o alto custo político que conleva. Solución que, por certo, tamén intentaron no 2008 Anxela Bugallo e Touriño, neste caso mediante unha fórmula de privatización orgánica, a fundación Gaiás, á que se lle dotou de 11 millóns de euros diñeiro público e a mesma cantidade mais un pouco en diñeiro privado para xestionar – pásmense – os dous edificios que ainda estaban por construir.

Cal é a solución proposta, entón, por Feijóo para os dous edificios?

A solución dada por Feijóo é tan creativa como igualmente arriscada: unha fórmula de privatización contractual, que ten moitos visos de vulnerar o dereito da Unión Europea en materia de contratos públicos, por tanto altamente insegura para as tres empresas integrantes das dúas UTEs –NECSO, COPASA e OHL–e que plantexa, ademáis, moitos outros problemas de viabilidade económica.

Cre que pode ser ilegal?

Ao meu xuízo, esta operación non respecta o dereito comunitario dos mercados públicos porque, simulando unha indemnización, lle outorga un dereito exclusivo de construción e explotación dun ben público a unhas empresas privadas, sen a necesaria transparencia, concorrencia e igualdade. 

O que habería que ter feito era rescindir os contratos de obra, e licitar por procedemento aberto a concesión de obra pública correspondente, previa elaboración do estudo económico-financieiro e das condicións do servizo que se ía prestar. Mais, cando hai suficiente presión política, o que é ilegal dótase de aparencia de legalidade con suma facilidade. Lembremos aquilo da simulación da indemnización e do seu pagamento en diferido que inventou a señora Cospedal. Por certo que, se mo permites, semella oportuno lembrar que nos papeis de Bárcenas correspondentes á presunta contabilidade en B do Partido Popular de Galicia do ano 2006, aparecen como donantes xusto as empresas integrantes da UTE dos dous edificios en cuestión. Dato que está sendo investigado polo xuíz Ruz, mais non foi coñecido, obviamente, pola Comisión de Investigación que se abriu no Parlamento durante a lexislatura 2005-2009, aínda que sempre se sospeitara, dado o modus operandi dos grandes partidos e das grandes empresas de obra pública do Reino de España.

"A operación non respecta o dereito comunitario dos mercados públicos porque, simulando unha indemnización, lle outorga un dereito exclusivo de construción e explotación dun ben público a unhas empresas privadas"

Feijóo anuncia a paralización que fora aprobada hai un ano no Parlamento a través dunha moción do BNG que, por outra parte, non contemplaba esta privatización da que fala.

Os posicionamentos políticos arredor da CdC son todo menos lineares: van e veñen ao ritmo da altísima presión político-mediática existente ao seu redor. A obsesión do editor dun medio coruñés de comunicación que todos coñecemos logrou colocar o debate social e político sobre a CdC nun marco moi pouco racional: o “despilfarro” en cultura, especialmente se é galega, que como é sabido –digámolo con retranca– é un invento de catro pesebristas filonacionalistas para “pillar cacho”. Semella que os partidos políticos non son quen de superar este discurso rancio, especialmente nun contexto de forte recesión económica, e adícanse a minimizar o desgaste. Hai que recoñecer neste sentido que o presidente Feijóo é un mestre na arte da finta política, do oportunismo e do funambulismo; porque con esta proposta, fai súa a do BNG, e por partida dupla: acepta a moción parlamentar da rescisión dos contratos, e ao mesmo tempo fai o que tamén consentiu o BNG no goberno: buscar unha fórmula creativa para continuar o proxecto sen que o pague o contribuinte mediante os seus impostos.

Dada a negociación coas empresas constructoras do 2005 para a paralización temporal, é críbel que a paralización sexa a custe cero?

A paralización, evidentemente, non se fai a custo cero, porque unha empresa non pode permitirse perder os importes indemnizatorios que lle recoñece a Lei, salvo que negocie o pagamento da débeda noutra especie. Na suspensión temporal total dos dous edificios durante 14 meses, acordada en xaneiro do 2006, acordouse non abonar indemnizacións, porque se garantiu a continuidade da obra e a revisión de prezos. 

Agora, en vez de abonar a indemnización á que ten dereito o contratista por desistencia da Administración –pode oscilar entre 7 e 10 millóns de euros, dado o importe no seu día adxudicado–, capitalízase esta indemnización mediante un duplo salto mortal cara adiante, con tirabuzón incluído: outórgase ás contratistas unha opción temporal de dereito exclusivo de superficie sobre os dous solares, exercitábel até 31 de decembro do 2014, dando tempo para que as UTEs podan preparar algo tan complexo como un proxecto de redeseño funcional, financiamento, construción e explotación do edificio resultante a 35 anos.

Isto é compatíbel coa unidade do proxecto arquitectónico deseñado por Eismann? 

Ese é un dos grandes problemas que todos os xestores da CdC tiveron que afrontar: o da súa unidade arquitectónica. O quebracabezas ten seis pezas, e deixar dúas, que ademáis son as centrais, sen facer, supón amputar a harmonía compositiva, volumétrica e topográfica da proposta no seu día gañadora do concurso internacional, que é un dos seus principais valores. 

Feijóo é consciente deste problema, pero tamén do complicado que é facer rendible este tipo de infraestruturas. Para resolver ambos problemas, o que se pretender facer é abaratarlle os custos ás empresas na construción de dous edificios orzamentados, non o esquezamos, en 120 millóns de euros, dándolle flexibilidade para modificar os seus usos A solución é tan pavera como descabellada: manter a “carpa pétrea”, ou sexa, as liñas volumétricas e a cuberta en pedra cuarcita, deixando para a negociación a estrutura final e calidades dos edificios. Sabendo o escrupuloso que é Einsmann co seu proxecto, dubido que acepte este pastiche. Outro motivo máis, pois, para a incertidume.

Pode haber problemas de viabilidade da construción e explotación privada dos edificios?

Vainos haber. Do mesmo xeito que as fórmulas de colaboración público-privadas ensaiadas por Feijóo no ámbito das infraestruturas e a sanidade están cheas de problemas, todas as experiencias de xestión privada da cultura están tamén atravesando serios problemas de viabilidade: non sobreviven se non é pola subvención encuberta das Administracións. Non é só un problema conxuntural, de baixada do gasto cultural, senón tamén da propia natureza “explotábel” de bens sociais como a educación, a cultura e a sanidade. Se estes bens se prestan por servizos públicos é por moitas e boas razóns, relacionadas coas súas externalidades, a igualdade no acceso de toda a cidadanía, a súa débil rendibilidade económica, etc. Todo o mundo asumiu acriticamente que hai que facer economicamente rendíbel o Gaiás, cando asumimos sen problema que nin a sanidade nin a educación deben ser actividades totalmente entregadas ao mercado. Coa cultura pasa algo similar: non dá tanto beneficio, especialmente se se trata dunha cultura minorizada como a galega, alonxada da cultura MacDonalds, de consumo de masas, como, por certo, foi a demencial exposición sobre o Orinoco nese museo apócrifo que é o Museo Gaiás.

Como a rendibilidade económica é tan limitada, supoño que daquí ao 31 de decembro, a Xunta negociará a peaxe en sombra que se lle pague ás concesionarias para que lles resulte beneficioso asumir o financiamento e construción dos edificios, e a posterior explotación do servizo.

"Sigo pensando que unha CdC ben asentada na satisfación das nosas necesidades culturais como nación; unha CdC que preste un servizo público á cultura do país, que articule o noso sistema bibliotecario, arquivístico, museístico e teatral, non só é posíbel, senón mesmo imprescindíbel".

En que situación queda a Fundación Gaiás, que tiña nos estatutos a explotación deses edificios?

Esta é outra das cuestións que deixa aberto o acordo adoptado pola Xunta o 13 de febreiro do 2014. Todo indica que a concesión dun dereito en exclusiva ás contratistas para construir e explotar estes dous edificios provocará a perda de obxecto da Fundación Gaiás, abocando á súa liquidación, cinco anos despois da súa máis que discutíbel creación. 

O bipartito valorou no seu momento a paralización do proxecto? Por que non se decidiu? 

A análise de todos os aspectos foi moi minuciosa, e concluíuse que se debía garantir a unidade arquitectónica do proxecto, mais adaptando a funcionalidade dos edificios aínda sen construír, para satisfacer as necesidades culturais do país. Para propiciar este cambio de funcionalidade foi que se decidiu suspender as obras durante catorce meses. Nunca se nos pasou pola cabeza “dinamitar” nada, porque para nós era prioritario dotar o país das infraestruturas culturais nacionais que nunca existiran. Tratamos, con maior ou menor éxito, de situar este aspecto, que sempre foi secundario nun proxecto de arquitectura espectacular destinada a atraer turismo internacional, no primeiro plano. 

Cre entón que a CdC é necesaria?

En servizos públicos culturais, Galiza ten un déficit de país. Durante os trinta e tres anos de “autonomía”, non fomos quen de artellar solidamente un sistema de produción cultural propia: permanecemos atrapados entre a distorsión turística da nosa política cultural, a xestión dunhas infraestruturas culturais do Estado traspasadas cunha forte insuficiencia financieira, e a proliferación indiscriminada de infraestruturas culturais municipais, que é onde se sitúa a maior parte do gasto público cultural. 

Por iso sigo pensando que unha CdC ben asentada na satisfación das nosas necesidades culturais como nación; unha CdC que preste un servizo público á cultura do país, que articule o noso sistema bibliotecario, arquivístico, museístico e teatral, non só é posíbel, senón mesmo imprescindíbel. E nada disto pode ser considerado seriamente un despilfarro, senón unha obriga xurídica e unha xustiza histórica: garantir o dereito do pobo galego, especialmente ás súas xeracións futuras, a acceder á súa propia cultura.

 

Comentarios