Mostra de Teatro de Cangas

Carla Rovira: "É ridículo aferrarse ao poder e pretender que un gran imperio se perpetúe"

Violencia de xénero, colonialismo e racismo na nova versión de Feísima enfermedad y muy triste muerte de la reina Isabel I, de La Calórica
Carla Rovira.
photo_camera Carla Rovira.

Para celebrar os seus primeiros dez anos de vida, a compañía teatral La Calórica decide recuperar o seu primeiro espectáculo, Feísima enfermedad y muy triste muerte de la reina Isabel I. Isto ocorría en 2020. Catro anos despois, esta hilarante traxicomedia histórica chega a Cangas co elenco da primeira versión; Xavi Francés, Aitor Galisteo-Rocher, Esther López, Marc Rius, Júlia Truyol e Carla Rovira, coa que falamos. Un éxito de aquel entón co saber e o sabor escénico de hoxe.

Que vai a ver o público?

É unha obra que trata sobre os últimos días da raíña Isabel I. A idea é explicar como unha raíña encara o delicado momento no que ve como o seu proxecto se derruba e vive os seus últimos días sen saber quen a vai suceder no trono. Entón, fai o posíbel para seguir mantendo o poder. En definitiva, a obra trata da dificultade do poder para renovarse. Do ridículo de aferrarse ao poder e pretender que un gran imperio se perpetúe. E todo tratado desde un humor grotesco.

Como nace a idea de realizar este proxecto?

A idea nace hai xa 15 anos, de feito, é o primeiro proxecto da compañía. La Calórica nace no  Institut del Teatre de Barcelona, no final de carreira dun grupo de amigos. Naquel momento, parecíanos interesante enfocar as grandes obras. Viamos que estabamos coxos de grandes dramas e traxedias. Soñabamos con facer un Shakespeare coa monarquía española. Tratábase dun exercicio tanto estilístico como de contido. Daquela pensamos, “imos escribir como se Lope de Vega ou Calderón de la Barca o tiveran feito”.

Cambiou moito esta versión de 2020?

A verdade é que non cambiou demasiado. Segue sendo bastante fiel á obra orixinal. Engadíronse un par de escenas para mellorar a contextualización. Son cambios que reflicten o que aprendemos nestes 15 anos que se poden vincular ao presente. Por exemplo, agora recóllese unha escena de violencia machista entre Felipe e Juana. E tamén se inclúe outra sobre a historia colonial e racista da Coroa de Castela. A historia é tal cal. Pero aprendemos a situala e a situarnos. No fondo, trátase de recuperar a historia.

Por que a compañía quixo recuperar Feísima enfermedad y muy triste muerte de la reina Isabel I?

Agora La Calórica ten moito máis recoñecemento. Queriamos que aquilo que fora tan chulo y guai chegase a máis xente. Para esta versión, renovouse o vestiario e a escenografía. A economía agora permite facer estas cousas.

Cal cre que é a clave de fama de La Clórica?

La Calórica forma parte dunha nova fornada de compañías que nace en Cataluña nos 2000. Sae e crea unha traxectoria cunha validez artística que permite que chegue a máis sitios. Son un pouco a herdanza das compañías dos anos 80 e que pode saír nun mar moi precario, tanto en Catalunya como no Estado. Hoxe en día goza dunha grande lexitimidade artística.

Como é o público de La Calórica?

É un público moi ecléctico. A compañía conseguiu crear un fenómeno fan. Hai moita xente que vai querer ver todo o que fai La Calórica. Nos seus espectáculos, conseguiron afianzar a un público.

Que cre que ten esta compañía para crear esta resposta?

Teñen un amor polo teatro incrible e esa é clave no seu triunfo. Todos os seus membros son excelentes e detrás hai moito traballo. Véselles como unha familia á que o traballo uniu.

Cal é a situación do teatro na actualidade?

Existe un problema moi importante na cultura. Na pandemia declarouse ben esencial e, polo tanto, é un dereito das persoas. Pero decídese utilizar ese diñeiro en estruturas industriais privadas e iso non ten ningún sentido. O gran problema é que non se trata a cultura como o que é. Se o deixas todo en mans do mercado, este apertará a quen pode, aos traballadores, e só permitirá acceder ás persoas que dispoñen de medios económicos. 

Comentarios