O Carballo Interplay tivo máis de 23.000 visualizacións na súa primeira edición totalmente na rede

O Festival de Contidos Dixitais chegou a miles de persoas co seu programa de actividades on-line, ofrecendo 26 horas de contidos a través de diversas plataformas.

 
Sonia Méndez é a directora do festival Carballo Interplay. (Foto: David Tombilla)
photo_camera Sonia Méndez é a directora do festival Carballo Interplay. (Foto: David Tombilla)

O Carballo Interplay fixo este 2020 sete anos de vida. Período no que logrou ser unha cita de referencia para o sector dixital que cada ano ofrece dende Carballo e para o mundo unha panorámica da innovación na rede a nivel galego, español e internacional, cunha completa Sección Oficial con webseries de todo o mundo e cun programa de actividades arredor dos contidos para Internet.

Esta sétima edición do Carballo Interplay trasladouse á rede, onde ofreceu 26 horas de contidos dixitais, en directo, que miles de persoas gozaron de xeito libre e gratuíto a través de tres plataformas: Youtube, Facebook e Twitch.

O equipo do Carballo Interplay agarda recuperar a presencialidade no 2021

O programa 100% na rede do VII Carballo Interplay acadou na semana do festival máis de 23.000 reproducións, sumando máis de 3400 horas de visualización só en Youtube, segundo informa a organización nun comunicado.

Gran parte deses contidos son de creación propia do festival e continúan na rede, engadindo visualizacións e achegando así a miles de persoas os contidos clave desta edición: o machismo nos videoxogos, a comedia feminina, a capacidade das tecnoloxías de vangarda para axudarnos a afrontar a crise sanitaria e, sobre todo, “o talento dixital galego e en galego que agochan as series, os podcast, a música ou o youtube do país”.

O equipo do Carballo Interplay agarda recuperar a presencialidade no 2021. Porén, recoñece que as actividades desta edición chegaron a moitas máis persoas das que caben no Auditorio da Casa de Cultura de Carballo.

Comentarios