O Carballo Interplay suma a súa décima edición

Os contidos galegos e en galego estarán presentes ao longo de toda a programación, pero especialmente ca estrea de “Dando a turra”, o talk show xeración Z de Belén Puime e Uxía Vázquez.
Adrián Lede, Carme D. Prol e Nico Carreira, creadores de 'Café Derby'.
photo_camera Adrián Lede, Carme D. Prol e Nico Carreira, creadores de 'Café Derby'.

O Carballo Interplay homenaxea toda unha década de talento galego na súa décima edición, que terá lugar os días 29, 30, 31 de marzo e 1 de abril. Unha vez máis, a principal motivación será reivindicar a creación de contidos dixitais dende a Galiza e en galego, xa sexa en redes sociais como Twitter, Youtube, Twitch ou Tiktok, no eido audiovisual ou en podcast. 

Nesta ocasión, os contidos galegos protagonizarán as xornadas dos días 29 e 30 de marzo, que contarán con actividades como a gravación en directo do podcast Petiscos no Derby, a estrea do talk show Dando a turra, o repaso á historia da internet galega con María Yañez en O outro lado da pantalla, o pitching de iniciativas que optarán ao premio de “Mellor proxecto de serie web”.

O programa inclúe a estrea do proxecto que foi seleccionado na edición do ano pasado, Mentres non chova, unha obra creada por Carla Mojón, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova. A webserie trata unha realidade distópica na que un malvado empresario busca instalar unha cúpula xigantesca que protexa toda a Galiza da chuvia, para aumentar os seus beneficios económicos. 

O talento galego non só estará sobre o escenario: este ano o Carballo Interplay decidiu colaborar directamente con A Cousa, un medio nativo dixital creado en 2021 por xente nova da xeración Z que estará narrando o festival directamente dende dentro e ensinando a “cara B” de todo o que ocorre. A súa equipa está formada por Isabel Gutierrez, Xulia Lomba, Yaiza López e Aida Vilariño. 

Así, o Carballo Interplay consolídase como un festival que busca impulsar a creación na Galiza e en galego en todos os ámbitos, converténdose en punto de encontro de creadores e creadoras do país, con unha década de experiencia e experiencias ás súas costas. 

Comentarios