Carballo Interplay sitúa a capital bergantiñá na vangarda das tendencias audiovisuais

O festival, que conclúe este sábado 7 de abril na Casa da Cultura do concello de Carballo, destina 1.500 euros para o premio a proxectos de webserie en galego 

Sonia Méndez Alonso
photo_camera Sonia Méndez Alonso

Carballo Interplay é un festival de contidos dixitais que explora, a través do vídeo, as posibilidades de internet como medio para a narración, o humor, a cultura dixital, a non ficción, o patrimonio audiovisual dixital ou a performance interactiva. O certame ten por obxectivo fomentar a creación e a difusión de contidos audiovisuais en galego na rede.

Pioneiro ao organizar a primeira competición de webseries en España, os contidos do Carballo Interplay van máis aló da ficción seriada. Dirixido pola actriz e cineasta Sonia Méndez (Vigo, 1980), o festival chega á súa quinta edición cun amplo abano de actividades nas que poder participar.

Obradoiros para crianzas, presentación de contidos audiovisuais para novos medios e plataformas, redes sociais, youtubers, producións en galego, tendencias multimedia e até unha sesión vermú compoñen o cartaz deste ano, que volve ofrecer ao público máis de trinta actividades de diversa índole, todas elas de acceso libre e gratuíto.

“Sempre fomos a máis, pero este ano demos un salto cualitativo e cuantitativo moi importante. Estamos a un bo nivel profesional, grazas á asistencia de público, ás creadoras e creadoras que participan, ás plataformas, aos canais dixitais e a novos medios como Playground, Tentaciones ou Vice, que tamén se achegaron até aquí”, explica a directora.

Amais da programación enfocada ao ámbito profesional, Méndez insiste na accesibilidade desta mostra, con proxeccións “para todos os públicos”. “O que está pasando en Carballo é alucinante. Os convidados e profesionais das distintas plataformas participantes están encantados e moi sorprendidos de que isto ocorra aquí. Non é un lugar soamente para profesionais ou xente que se queira adicar ao mundo dixital, é un festival de vangarda con contidos interesantes para todo o mundo. Non hai razóns para non vir”, di Sonia Méndez.

Comentarios