COMEZA A II EDICIóN DO FESTIVAL DE CONTIDOS DIXITAIS

Carballo Interplay: a criatura medra

Hai un ano, realizábase en Carballo a primeira edición do Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries do Estado. Esta semana, do 16 ao 18 de abril, o certame chega aos dous anos coa criatura medrada. Tanto, que a talla estatal ficou xa curta e virou en internacional.

.
photo_camera .

"Este festival é xa un referente por ser o primeiro e porque ten unha organización marabillosa", afirmaba, no acto de apertura, Teresa Segura, produtora da exitosa webserie Malviviendo e madriña do festival dende o seu nacemento. Precisamente a principal responsábel da organización, a directora, Sonia Méndez,  destacaba a aposta que o festival, organizado polo Concello de Carballo, supón tanto pola cultura como pola formación en tempos complexos para a creatividade. Tempos nos que a cultura non só deixa de ser apoiada polas institucións senón que, ademais, é gravada coa suba do IVE cultural, tal e como se lembrou no acto.

A aposta pola materia gris

O Interplay contou, na súa inauguración, con outros referentes no mundo dos contidos dixitais, como David Sainz, de Malviviendo e tamén padriño do festival; os Venga Monjas, dúo catalán que fai de internet o escenario privilexiado do seu posthumor, e experimentados profesionais do audiovisual galego que, nos últimos meses, impartiron docencia no Formacip, un completo ciclo formativo composto por un total de trece obradoiros, que se desenvolveron dende o pasado mes de novembro até marzo deste ano. Tralo acto de inauguración, o auditorio do Fórum de Carballo acolleu a presentación dos traballos realizados polo alumnado, un deles seleccionado xa para un festival internacional.

"Hai dúas maneiras de facer política. Unha que aposta polo gris do cemento. Outra que aposta pola materia gris".

"Hai dúas maneiras de facer política. Unha que aposta polo gris do cemento. Outra que aposta pola materia gris". As verbas son de Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo, a área que impulsa o Carballo Interplay baixo a filosofía de que a cultura é tamén motor económico e ferramenta de promoción. Tanto que, entre as 43 webseries que entraron este ano na selección oficial, hai creacións chegadas de Colombia Perú, Arxentina, Brasil, México, Portugal, Francia ou Reino Unido. Porque Carballo, como destacou metaforicamente o alcalde da vila, Evencio Ferreiro, limita ao norte con Inglaterra por medio: "Nós limitamos co mundo e estamos encantados que o mundo limite con nós no Carballo Interplay".

Do posthumor á reflexión

Estas tres xornadas, até o sábado 18, serán intensas. O festival fará exhibición dos webseries internacionais, estatais e con versión orixinal en galego que se presentaron a concurso, mais tamén dedicará un importante apartado á reflexión ao redor do sector. Belén Santa-Olalla adentrarase nas claves do éxito no mundo transmedia coa súa Master Class sobre Claves e trucos para conectar coa audiencia. Joan Carles Martorell, produtor multimedia e realizador audiovisual, abordará a profesionalización e produción de contidos no Youtube, e CREA, a asociación de directores e realizadores de Galiza, organizará un coloquio aberto con todos aqueles creadores e creadoras que queiran asistir.

Belén Regueira, será a encargada de conducir outro formato que xa se probou con éxito o pasado ano no Carballo Interplay, o "Código Fonte Audiovisual", a medio camiño entre o monólogo, a proxección de vídeos e a conferencia. Partindo de que as mulleres, e tamén os homes, non nacen como tal senón que aprenden a selo, a xornalista abondará en como as imaxes contribúen a ese proceso nunha sesión titulada con non pouco humor "Mulleres, homes e o audiovisual que os pariu"
Mais no festival haberá lugar, e non pouco, para a diversión. O certame abrirase nesta ocasión a un novo formato, o Interfight, "o I Encontro de labazadas audiovisuais" entre os creadores de todo un exemplo de éxito no mundo das webseries, "Malviviendo", e o dúo cómico de Venga Monjas. Será unha loita na que as armas dialécticas serán as creacións audiovisuais duns e doutr@s, as súas experiencias, as súas concepcións da rede, e os seus mellores e peores vídeos. O humor será protagonista tamén no coloquio aberto "Como facer rir en internet", cos Venga Monjas, Malviviendo e Burnin´ Percebes.

Comentarios