Un Carballo Interplay comprometido

Os contidos dixitais chaman á porta con forza: as novas linguaxes debuxan a creación audiovisual do futuro e crean as audiencias que terá a cultura galega nun porvir non demasiado afastado. O Carballo Interplay naceu como un festival pioneiro nestes novos formatos e pouco a pouco vai facéndose un sitio de honra dentro do xénero. A súa oitava edición mostra, ademais, o compromiso das artistas máis novas con causas sociais e políticas que responden aos retos da sociedade contemporánea. Desde hoxe e até o sábado 11, a creación máis fresca exhíbese en Carballo.
Un momento da gravación de  'Dinosauro'.
photo_camera Un momento da gravación de 'Dinosauro'. (Foto: Leticia T. Blanco)

"Se o sistema cultural lle dá as costas á creación que procede das redes, estará dándolle as costas á realidade e non nos podemos permitir estar fóra da realidade”. Quen así se expresa é Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay, un festival que xa leva oito edicións pulando duns xéneros aos que lles custou ser aceptados polo establishment da cultura. “Nos comezamos o festival cando aínda non todo o mundo estaba familiarizado coa creación dixital, mais agora mesmo, se non tes en conta os contidos que proceden de internet, estás pechando as portas ás novas audiencias, ás persoas que constituíran o público do futuro”, conclúe. 

O Interplay volve a Carballo coa pretensión de retomar a promoción da creatividade galega na rede. A 8ª edición do Festival de Contidos Dixitais reúne webseries, paneis de debate, obradoiros, estreas e premios que visan a transformar, visibilizar e contribuír ao desenvolvemento das novas -e xa non tan novas- canles de comunicación e creación audiovisual que se espalla polas redes. 

A cita ábrese hoxe coa estrea de Dinosauro, o resultado dun obradoiro de tres días no que unha ducia de estudantes e profesionais do sector audiovisual galego traballan xuntos para crear un capítulo dunha serie na que se parte da premisa de que sucedería se de súpeto, desaparecese a Internet. O primeiro capítulo desta serie gravouse en 2018 e algunha das súas entregas conseguiu ser galardoada nos Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego, na categoría de Mellor Serie Web. "A Academia Galega do audiovisual tamén foi pioneira integrando as web series nos seus premios, e o tempo acabou dándolle a razón", comenta Méndez.

O 1º Encontro Transversal de Creación Galega Online Masters da Internet pretende debullar as diferenzas entre as principais redes, os tipos de público con que conta cada unha e, en resumo, as particularidades da creación dixital e a seu estado de saúde na Galiza

Creación galega

A partir do día 9 comeza o groso da programación desta edición co 1º Encontro Transversal de Creación Galega Online Masters da Internet, un foro de debate no que -moderadas por Alba Mancebo e a popular Esther Estévez-, moitas das principais figuras das novas narrativas dixitais (entre as que están Olaxonmario, Nee Barros, Malva, Carme D. Prol. Samuel L. Paris, Isaac González, Mira1cousinha, Agos Reigosa ou Jon Amil) discutirán sobre a crecente presenza dos podcast en galego, sobre o tratamento irónico da actualidade en Tik Tok, sobre a sorte que corre a iniciativa Twitch en Galego, sobre os contidos preferidos polas audiencias en YouTube ou sobre as últimas tendencias en Twitter. Un panel que pretende debullar as diferenzas entre as principais redes, os tipos de público con que conta cada unha e, en resumo, as particularidades da creación dixital e a seu estado de saúde na Galiza. 

“Abrir o debate a estas redes permite descubrir unha serie de creadoras que están traballando duna maneira moi interesante e que crean contidos en galego”, explica Méndez. “Resulta moi importante ter en conta isto: a mocidade vai consumir este tipo de contidos de todas as formas e, se non os atopa en galego, a nosa lingua vai sufrir unha nova perda. Ten que existir unha comunidade galegofalante en cada unha destas redes e desde o Carballo Interplay, queremos axudala a reforzarse e mellorar”.

Nestes oito anos pasamos de considerar a internet como un lugar ideal a ver todo o mundo dixital, especialmente as redes, como o sitio onde agroma todo o malo: os discursos de odio, as fake news...

Compromiso social

A 8ª edición do evento, préstalle unha especial atención aos contidos sociais e políticos. Sonia Méndez subliña que “hai que decatarse de que nestes oito anos pasamos de considerar a internet como un lugar ideal a ver todo o mundo dixital, especialmente as redes, como o sitio onde agroma todo o malo: os discursos de odio, as fake news... Neste sentido parecíanos moi pertinente centrar o foco nas persoas que se organizan na rede para mudar estas correntes. Seguimos pensando que internet é unha ferramenta para cambiar o mundo e queremos destacar esta cara positiva da creación virtual”. 

Neste sentido, o sábado 11, o panel “A internet de mudar as cousas” xirará sobre a idoneidade de internet como canle para a reivindicación política e social, sobre se aínda é posíbel crer que as redes poden operar coma un arma para cambiar o estado das cousas. Diversas mesas abordarán a contestación política nas redes desde o activismo, desde o humor e desde as vindicacións de clase e de xénero.

Calidade en circuítos alternativos 

Na Sección Oficial compiten series de Arxentina, Chile, Ecuador, Canadá, Estados Unidos, Australia, Alemaña e Israel, ademais de Galiza e do resto do Estado. O Carballo Interplay presenta aquí unha completa panorámica das principais tendencias internacionais no mundo das series. Sonia Méndez destaca “a calidade das obras que se presentan. Como sempre, fixemos unha selección moi coidada, e creo que é importante que se vexan algunhas xoias que non están nas plataformas mainstream e que, por ese motivo, corren o risco de pasar desapercibidas. Paga a pena achegarse a esas creacións e, sobre todo, é moi interesante que as vexan as creadoras de aquí, que se afagan a ver produtos de persoas que están fóra da órbita das canles máis comerciais”.

Series producidas despois de gañar este premio tamén foron quen de se colocar como gañadoras dos premios Mestre Mateo. Foi o caso de Peter Brandon, da produtora Porco Bravú, ou de Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo.

O premio 

O Interplay non é só unha plataforma de exhibición e quere intervir directamente na produción audiovisual xerada desde os novos medios. Para iso, convoca un premio a proxectos de serie en galego que conta cunha dotación de 3.000 euros. "É unha dotación directa do concello de Carballo", di Méndez, "que, desta forma, se converte, probabelmente, no produtor de web series máis importante da Galiza".  Series producidas despois de gañar este premio tamén foron quen de se colocar como gañadoras dos premios Mestre Mateo. Foi o caso de Peter Brandon, da produtora Porco Bravú, ou de Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo.

Encontro con Portugal 

No apartado profesional deste ano, o Carballo Interplay ten como país invitado a Portugal. "Con Portugal existe moita cooperación noutros ámbitos, mais no mundo dixital estamos un pouco máis desconectados", aclara Méndez. "Quixemos aproveitar esta edición para invitar a diferentes produtoras que traballan no mundo dixital e en contidos multiplataforma, e tamén á RTP Lab, o laboratorio dixital da televisión pública portuguesa. Queremos estabelecer ese diálogo e coñecernos porque unha das cousas máis interesantes que suceden no Interplay é, precisamente, a creación de sinerxías entre a xente que asiste.  Moitas das creadoras que se coñeceron aquí acabaron traballando en proxectos conxuntos -como sucedeu cando traballamos con Arxentina como país invitado- e pensamos que o contacto con Portugal pode dar lugar a unha cooperación moi fértil e moi interesante.

Comentarios