domingo 25/10/20

O Carballo do compromiso e a fe continúa vivo no corazón de Maceda

Centos de persoas participaron en Maceda, o seu concello natal, no serán deste sábado día 27 na primeira homenaxe póstuma a Francisco Carballo, que finou en Salamanca o pasado sábado 29 de novembro en Salamanca. 

CARBALLO3
CARBALLO3

“A semente non caeu nas pedras, senón no rego”, era unha frase que a Francisco Carballo lle gustaba repetir e tamén se sentiu na homenaxe que este sábado se lle rendeu en Maceda, o seu concello natal. A semente agromaba na voz de todas as persoas que construíron o seu perfil de home de principios, con rexo compromiso nacionalista e coa vontade e a ilusión nunha Galiza liberada que conservou até o fin dos seus días. 

Co Salón Multiusos do Concello de Maceda completo e todos os lugares ocupados, a primeira homenaxe póstuma a Francisco Carballo percorreu todas as facetas da súa figura, completando o retrato do home de sólidos e inquebrantábeis principios, aberto e comprensivo coas diferencias, comprometido nas organizacións que pulan por unha Galiza liberada e con enerxía para tirar por iniciativas e proxectos que contribuísen a o anceio dun país de seu, sen subordinación.

Da semente que Carballo plantou na vida estaba composto o auditorio de Maceda, de veciños e veciñas da súa terra de orixe e tamén de persoas que foron cadrando canda el no transcorrer da vida, de maneira máis intensa na súa actividade pública e comprometida co nacionalismo e o activismo cultural e social. Desa figura ampla e xenerosa deu conta o vídeo “Francisco Carballo, sempre no corazón” que, con guión e elaboración do xornalista Xan Carballa, traería de novo as reflexións e a serenidade da fala do historiador nacionalista por medio, principalmente, das súas propias palabras. Sería o propio Xan Carballa quen lembraría aquel activismo de Carballo que o levou a traballar arreo polo proxecto de A Nosa Terra, que partillaron durante tantos anos, no que tamén foi testemuña de como nucleou o grupo de historiadores entre os que se atoparon Luís Obelleiro, bieito Alonso, Dionisio Pereira, Anselmo López Carreira ou Francisco Calo e que tiñan como obxectivo, desde o relato histórico, darlle a volta á visión que, desde o poder, se daba da Galiza contribuíndo así a loitar contra a imposición dun carácter subalterno. Carballa lembrou tamén o ilusionado coa creación de Sermos Galiza da que lle falou a última vez que o topou en Vigo, co entusiasmo que camiñou con el durante toda a súa vida e que o levou a comprometerse, xa nos seus últimos anos, co proxeto de Sermos Galiza. 

Volver a Asadur

Achegouse o xornalista e editor a esa face máis humana e persoal que estivo presente durante toda a homenaxe, de maneira especial na intervención da súa sobriña Milagros Calvo que destacou o carácter rompedor e revolucionario de Carballo, mesmo á hora de morrer. Milagros lembrou que, mesmo as dificultades, cumpríronse os seus desexos para despois da morte, ser incinerado -o primeiro dos paules que o fai- e que as cinzas se depositaran no cemiterio de Asadur, á beira da nai. A sobriña destacou que, malia non ser ela crente, nunca tivo o maior problema de entendemento co seu tío, un home aberto que, a pesar das diferencias, entendía as distintas opcións con respecto á fe. 

Da súa beira compartindo crencias situaríase o presbítero Manuel Peleteiro, alumno seu de cando chegou a Salamanca. Peleteiro lembrou o episodio do debate teolóxico no que un grupo de alumnos, procedentes de Mondoñedo, cuestionaron o tema da inculturación, que el defendía desde a propia igrexa. A súa era unha visión aberta e transformadora, defensora dos oprimidos e liberadora, distinta á da xerarquía que se había de impoñer no poder eclesiástico, como lembrou o seu antigo alumno. 

Militante e candidato nacionalista

Home de ideas claras e rexas, que defendeu até o seu último día, Francisco Carballo foi tamén militante nacionalista e comprometido co BNG desde a súa fundación. Foi o voceiro nacionalista, Xavier Vence o que destacou esa faceta súa de lealdade e traballo organizativo que se iniciou coa participación na fronte cultural da ANPG e que o levou a se posicionar activamente como candidato en distintos procesos electorais e activista social e cultural. Cesáreo Sánchez, a través dunha intervención gravada dado que nesta xornada se atopaba fóra de Galiza, achegou o seu perfil de home de letras polo que foi recoñecido pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega co premio “Bos e Xenerosos”. 

A presenza dos textos do propio Carballo foi continua nun acto que Santiago Prol, amigo e coñecedor a fondo da súa biografía e a súa obra, deseñou á medida da súa figura. Prol é autor, canda Xan Carballa, do libro Conversas con Francisco Carballo (A Nosa Terra) e foi o condutor e organizador da homenaxe. 

No acto interviron tamén o alcalde e o ex-alcalde de Maceda, Xabier Oviedo e Bieito Seara. Oviedo agradeceu a organización do acto convocado polo propio concello e evocou a última visita que lle fixeron a Carballo desde Maceda a Salamanca no mes de maio. O que fora alcalde do concello remontouse aos seus primeiros mitins no concello e como regresou ao lugar no que nacera para colaborar a organizar o nacionalismo. Lembrou Bieito Seara que unha das primeiras iniciativas que botou a andar ao chegar a alcalde foi o recoñecemento de Francisco Carballo no concello no que nacera. E por iso a biblioteca leva o seu nome e tiña a condición de fillo predilecto de Maceda. O acto, como tantos nos que participou, rematou co canto do himno galego. 

Vídeo "Francisco Carballo, sempre no corazón", de Xan Carballa: 

Imaxes da homenaxe: Sara Recondo e Xoán Carlos Garrido 

comentarios