De Carballo a Carvalho, a proposta documental da AGAL para o Día das Letras Galegas

A Associaçom Galega da Língua está a piques presentar, da man de Arraianos Producións, unha curtametraxe documental sobre a vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero. A peza está previsto que comece a circular polas redes sociais no mes de maio.
de carballo a carvalho
photo_camera Fotograma do teaser de 'De Carballo a Carvalho'.

De Carballo a Carvalho: percurso pola vida e obra de Ricardo Carvalho Calero. É o título da obra audiovisual que a Associaçom Galega da Língua (AGAL) lle encomendou a Arraianos Producións para achegar a figura do autor homenaxeado o Día das Letras Galegas ao público máis novo.

“A idea era facer unha curtametraxe documental moi divulgativa, pensada para o ensino, para a xente nova, co ánimo de rachar unha barreira xeracional e desacralizar a cultura, facéndoa máis popular”, explica a Nós Diario Aser Álvarez, director da fita.

Expertas, amigas e discípulas

Con este propósito, o equipo de Arraianos Producións comezou a traballar. Deseñou un proxecto capaz de divulgar a figura de Carvalho Calero dunha forma “fresca e atractiva, como xa fixeramos en 2013 con 100% CEF. Unha biografía de Celso Emilio Ferreiro”, engade o tamén director de Arraianos.

A curta documental, en fase de edición e montaxe, está baseada no testemuño dunhas 15 persoas. “Expertas, amigas, discípulas e boas coñecedoras da vida e obra de Carvalho Calero. Ademais, tivemos a sorte de podelas sentar no escritorio que o homenaxeado ocupou durante media vida no Parlamento da Galiza”.

“A fita trata de reconciliar a Ricardo Carvalho Calero coa súa xente, con Galiza”.

Pilar García Negro, Darío Villanueva, Vítor Freixanes, Araceli Herrero, Enrique Rabuñal, Elvira Souto son algunhas das voces escollidas. A través das súas palabras, o equipo creador artellou un percurso pola vida e obra do autor, “ameno e diferente para sorprender e atraer”, incide Aser Álvarez.

Teaser De Carballo a Carvalho from Arraianos Producions on Vimeo.

E a canda elas, a de Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua, a impulsora do proxecto. Segundo recoñece en conversa con este xornal, a peza que contan estrear no mes de maio sumarase á tradición audiovisual da entidade, que cada ano promove a creación dun novo documental.

“Este ano era obvio que llo tiñamos que dedicar a Ricardo Carvalho Calero, por ser a persoa homenaxeada o Día das Letras Galegas de 2020 mais tamén para completar a visión do autor que iniciamos coa produción de Decreto Filgueira, unha fita que xa reparaba no seu traballo ao abordar o decreto que asinou Filgueira Valverde en 1983 e que botou abaixo as normas de Carvalho Calero”, destaca Maragoto.

Esta nova perspectiva ten a vocación de ser máis accesíbel ao alumnado de secundaria, que é o público principal da obra audiovisual, cuxo título responde á dedicación de Carvalho Calero como un dos principais elaboradores da norma culta do galego ao longo do século XX.

Norma reintegrada

“Cando aínda non existía norma reintegrada, en 1981 foi o primeiro autor dun libro nesa norma, que é a que adapta a fala galega a ortografía portuguesa”, afirma Eduardo Maragoto. “Mais antes diso xa fora o redactor de todas as normas ortográficas que tivera o galego despois da Guerra Civil. E polo tanto o autor da gramática que se usou desde os anos 60. Foi a principal referencia intelectual para a construción dunha normativa do galego”. E nesa andaina, asegura o presidente da AGAL, “el mesmo concluíu que o mellor era ir acomodando o galego ao mundo da lusofonía”.

De Carballo a Carvalho comezará a circular polas redes no mes de maio, á espera de facer máis adiante unha estrea máis formal, aseguran creadores e promotores. “Dado que o alumnado está na casa, é bo que que poida dispoñer doutro tipo de materiais pedagóxicos máis estimulantes para coñecer a vida e obra dun autor tan inxustamente descoñecido”, engade o director da curta.

"Ricardo Carvalho Calero foi a principal referencia intelectual para a construción dunha normativa do galego".

Neste sentido remítenos ás palabras coas que as persoas entrevistadas quixeron definir a Carvalho Calero: independente, honestidade, Galiza, filólogo, profesor… suficientes para compoñer un mapa poliédrico sobre a súa figura que non abonda para definir “unha capacidade de traballo tan grande como a que demostrou”, asegura Aser Álvarez.

“Eu quedaríame cunha idea que racha coa visión máis clásica que se ten de Carvalho Calero. Gústame pensar nel como un home que sempre estivo na vangarda. E destacaría tamén o vitalismo que agochaba detrás da timidez, do carácter reservado e da rigorosidade que lle eran propias”, engade.

Así, conclúe o director de Arraianos, esta curta documental, “o que trata é de reconciliar a Ricardo Carvalho Calero coa súa xente, co seu país. Con Galiza”.

Comentarios