Carballo, arte urbana para reinventar a vila

Carballo é hoxe un museo ao aire libre. A arte urbana cambioulle a faciana á vila. Todo comezou con O Carballo, obra de Paula Fraile e Roberta Venanzi, e despois chegaron moitas máis. Hoxe o concello acolle as pegadas das e dos mellores artistas a nivel internacional que mudaron a ferruxe das fachadas por vistosos e orixinais lenzos

carballo

Carballo é hoxe un museo ao aire libre. A arte urbana cambioulle a faciana á vila. Todo comezou con O Carballo, obra de Paula Fraile e Roberta Venanzi, e despois chegaron moitas máis. Hoxe o concello acolle as pegadas das e dos mellores artistas a nivel internacional que mudaron a ferruxe das fachadas por vistosos e orixinais lenzos.

Carballo ten a fermosura dos vales fértiles de Bergantiños e do litoral da Costa da Morte, mais a súa capital, ao igual que moitas das cidades galegas, padeceu o crecemento desordenado e que afectou os tecidos urbanos desde mediados dos anos sesenta. O proxecto Derrubando muros con pintura naceu en 2013, da man do Goberno local, para mellorar e embelecer a faciana da vila con pinturas nas paredes, muros e edificios e para rexenerar espazos deteriorados. 

A vila converteuse en escaparate do cambio social e da libre creación cidadá. É o epicentro da arte urbana na Galiza

Desde entón, as paredes de Carballo comezaron a falar e convertéronse nun verdadeiro museo ao aire libre, con propostas artísticas moi variadas que medran ano tras ano, sorprendendo as persoas nos seus paseos polas súas rúas bergantiñás, onde poden atopar, case en cada recuncho, as obras de grandes dimensións de artistas de todas partes do mundo.

Da man do concelleiro Xosé Regueira, Derrubando muros con pintura naceu cos propósitos de proxectar unha imaxe positiva dentro e fóra de Carballo, afastada dos estereotipos pexorativos e, consecuentemente, xerar nas e nos carballeses unha mellora na concepción do propio. Ademais, e desde unha perspectiva económica, estas obras de arte públicas supoñen unha boa oportunidade turística para a vila, que ve nelas un reclamo máis para as persoas que se queiran achegar até alí.

Os inicios

Os primeiros pasos foron coordinados pola artista italiana Roberta Venanzi e a manchega Paula Fraile, que comezaron co mural inaugural O Carballo nunha medianeira dun vello edificio da rúa do Sol, unha das principais entradas á vila. Meses despois, un equipo de artistas locais uníase á andadura, que continúa até o día de hoxe.

Carballo leva derrubadas máis de medio cento de superficies no seu núcleo urbano que propician a chegada de visitante

Na actualidade, Carballo leva derrubadas máis de medio cento de superficies no seu núcleo urbano, o que propicia a chegada de visitantes curiosas ás que lles dá a benvida e acolle desde a súa faciana máis embelecida. Deste xeito, a capital bergantiñá posiciónase, con axuda doutras iniciativas, na vangarda contemporánea cunha oferta cultural moi competitiva e de calidade, sen nada que envexar a outras cidades de maior envergadura poboacional, como Melbourne, coñecida como a capital mundial do stencil (estampado con plantillas), ou Málaga, co barrio das Lagunillas e o Soho Barrio das artes, dous exemplos de renovación urbanística a través da pintura e da arte urbana. 

Grazas a Derrubando muros con pintura, Carballo fíxose un oco no mapa da arte contemporánea urbana, e o seu exemplo dá boa conta da importancia de incluír a arte na rúa como unha forma de revitalización e renovación urbana. Consideradas durante anos como unha forma de vandalismo, estas expresións artísticas son quen de empregar a rúa como lenzo en branco para construír verdadeiras obras de arte. Por moitos anos de arte na rúa e de entender o espazo público nun sentido amplo, como lugar de relación social e construción colectiva e como escaparate do cambio social e da libre creación cuidada!

Rexenera Fest: museo ao aire libre en Carballo

O Rexenera Fest de Carballo é unha cita coa arte urbana que desde 2015 actúa como axente rehabilitador contra as políticas construtivas dos anos 60, especialmente visíbeis na capital bergantiñá. Cada ano, artistas da Galiza e doutras partes do mundo achegan a súa obra a este museo ao aire libre que son as rúas da vila, cunha veciñanza que colabora activamente co fin de renovar espazos deteriorados e mellorar a paisaxe urbanística.

Esta interacción entre cidadanía e arte fai que cada vez sexan máis as veciñas e veciños que ceden de forma voluntaria e gratuíta as súas paredes privadas para que sirvan de lenzo en branco ás artistas participantes, nun proceso aberto no que tamén as visitantes poden ver de perto o traballo de cada obra desde o comezo até o final.

Este proxecto comezou no cambio de almanaque entre 2013 e 2014, cun mural dunha folla de carballo. Foi o xerme que agromou no proxecto Derrubando muros con pintura. Desde entón o Concello de Carballo, epicentro da arte urbana na Galiza, reivindica tamén a profesionalización desta arte a grande escala, así como a protección do sector.

As edicións

Durante unha semana, as artistas participantes traballan en distintas localizacións, ás que as persoas poden achegarse para apreciar a habilidade e o proceso artístico de cada obra. A cuarta edición do Rexenera Fest tivo lugar do 23 de maio ao 3 de xuño de 2018, cando cinco muralistas deixaron candansúa obra para este crecente museo ao aire libre, ademais de seminarios, masterclass, microconferencias, música en directo e un roteiro guiado. Este ano as artistas e os artistas convidados foron: Lula Goce (Galiza), Bosoletti (Arxentina), Daniel Muñóz “SAN” (Cáceres), Milu Correch (Arxentina) e Doa (Galiza), que crearon motivos urbanos e vexetais en fachadas que anteriormente estaban comidas pola ferruxe e o paso do tempo.

Anteriormente, converteron en lenzo a vila de Carballo as sinaturas de Aryz, Dulk, Miguel Peralta, Bordalo II e Pixel Pancho en 2015; de Natalia Rak, Isaac Mahow, Hyuro, Case Maclaim, Novenoel e Cestola na Cachola en 2016, e de Animalitoland, Isaac Cordal, Nada (Iria Fafián), Sekone, Btoy, Curiot, Yoseba MP, Saturno, Cinta Vidal, Jorit Agoch e Powone, en 2017. Todas e todos eles contribuíron a facer de Carballo unha referencia do street art.

Comentarios