O Carballiño comeza a XXXII edición do Festival de Teatro Galego

Este domingo inaugúrase nova produción do Centro Dramático Galego 'Serva me, Servabo te'. O evento rematará a vindeira terza feira 7 de setembro.
Imaxe dos últimos ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego 'Serva me, Servabo te' (CDG).
photo_camera Imaxe dos últimos ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego 'Serva me, Servabo te' (CDG).

A XXXII edición do Festival de Teatro Galego inaugúrase no Carballiño este domingo a nova produción do Centro Dramático Galego que leva por título 'Serva me, Servabo te'. 

Nesta edición o festival terá dous escenarios chave: o Auditorio Municipal, onde se presentarán as obras de teatro, sempre a partir das 22 horas, e a Casa da Cultura, onde desde as 19 horas representaranse os monólogos.

Como consecuencia da situación sanitaria a programación reduciuse e só haberá tres días de festival. O día 5 abrirá a programación coa estrea da nova produción do Centro Dramático Galego 'Serva me, Servabo te', da man de Belén Bouzas, Diego Buceta e Fran Martínez.

O espectáculo inaugural estará fóra do propio concurso do festival e despois poderá verse representado do 10 ao 26 de setembro no Salón Teatro de Compostela.

Ese mesmo día representarase na Casa da Cultura o monólogo 'Sexo seguro, seguro? Seguro!', de Malala Ricoy. O día 6 a obra de teatro correrá a cargo da compañía Traspediante que representará 'Bailar agora', un espectáculo de danza xa que este ano o festival propúxose ser un espazo para esta disciplina.

Monólogos e actividades paralelas

Na Casa da Cultura o monólogo correrá a cargo de Chuso de Catoira que interpretará 'Un viquingo no Fetega'. A terza feira, último día do festival, no Auditorio Municipal verase a obra 'O premio', a cargo de Quintana Teatro, e, na Casa da Cultura, Marta Doviro falará das súas 'Memorias dunha rapasa da costa'.

Como actividades paralelas haberá teatro na rúa. Ademais na sala de exposicións do auditorio están programadas dúas mesas redondas que abordarán "A violencia de xénero escondida na arte" e "O amor versus a sexualidade".

O último día clausurase coa entrega dos galardóns de mellor actriz, mellor actor, mellor espectáculo e mellor monólogo cómico e, ademais, entregarase o Premio de Honra que este ano recae en Marta Núñez.

Comentarios