Cultura

'Caramomia', unha novela interactiva e colaborativa escrita a oito mans

Un proxecto literario en Instagram para a rapazada
Ledicia Costas (Xerais).
photo_camera Ledicia Costas (Xerais).

Caramomia é o título da novela colaborativa e interactiva que van escribir a oito mans, tal e como se bautizou o proxecto, as escritoras Ledicia Costas, Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e Miguel López (O Hematocrítico). A iniciativa, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, presentouse hoxe nunha rolda de prensa telemática guiada por Carmela Silva, presidenta do organismo, acompañada das catro autoras.

"É un xogo", explicou Costas, "para nós, as creadoras, mais sobre todo para as lectoras", engadiu Lado. Pois a premisa da interactividade outorgará ao público a posibilidade de intervir. "A novela vaise desenvolver sobre a marcha", anunciou Costas, nun proceso no que a toma de decisións da audiencia afecta á historia e ao artellamento da trama. Mais como?

A participación desenvolverase mediante un sistema de votacións a través de Instagram, que non estará aínda dispoñíbel a primeira semana, pois os capítulos de apertura son de presentación de personaxes e tramas. A historia antiga, segundo revelaron as autoras, terá unha importancia moi relevante nunha novela de misterio, na que haberá unha investigación. "A todos nos gustan os cinco. Neste caso, confinados", brincou o Hematocrítico. A obra está dirixida a público infantil e xuvenil a partir de 10 ou 11 anos de idade, se ben é de consumo recomendábel para as persoas adultas.

A idea xurdiu a partir da situación de encerro e parálise das axendas, "a forza de quedar para tomar videovermús", sintetizou Lado. Ela propia engadiu que foi un reto traballar en equipa, mais "moi divertido" para quen goza de inventar relatos.

O primeiro capítulo verá a luz a vindeira segunda feira e a novela estenderase durante 6 semanas, coa publicación de catro entregas cada unha. O perfil de Instagram Caramomia xa está creado. "Nós levamos xa un par de semana traballando duramente", di Costas. Logo, virá a quenda lectora de, en palabras de Lado, "meter as mans na historia".

Comentarios