venres 10.07.2020

Cara ao día das mil Rosalías

Actos por todo o país a 183 anos do seu nacemento
A Casa da Matanza. Foto: Fundación Rosalía.
A Casa da Matanza. Foto: Fundación Rosalía.

Cada 24 de febreiro sucede, desde hai xa bastantes anos, algo extraordinario: escolas, institutos, asociacións culturais, persoas a título individual, escritoras e escritores, institucións, celebran unha poeta, Rosalía de Castro. Nun fenómeno crecente e con poucas analoxías en países próximos -talvez o Bloomsday en Irlanda-, o Día de Rosalía conmemora cada aniversario da autora fundacional da literatura galega. Este ano é o 183 e actos de todo tipo sucédense polo país.

A fundación da poeta que dirixe Anxo Angueira comeza o seu programa da xornada hoxe en Dodro, coa presentación no Pazo de Lestrobe do novo número da revista Follas Novas, que contén unha carta inédita da escritora. Será ás oito do serán. Xa na segunda feira, o propio día 24, decorrerá na praza de Vigo de Compostela a partir das 11 da mañá a Alborada de Rosalía. Media hora despois, a ofrenda floral na estatua da Alameda e ás doce do mediodía, o "acto institucional" no Hostal dos Rei Católicos. Pola tarde, na Casa da Matanza en Padrón degustarase o Caldo de Gloria preparado polo Chef Rivera. Ás oito, un concerto de Sabela King e Benjamín Vázquez porá o ramo.

O sábado no Pantéon de Galegos Ilustres

A Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) é unha das entidades que máis fixo e fai por espallar o Día de Rosalía. O seu acto central, co verso "ambos errantes polo mundo andamos" como palabra de orden, será o domingo 23 de febreiro perante o cadaleito da poeta no Panteón de Galegos Ilustres en Bonaval (Compostela): unha lectura pública da súa obra en que participarán escritoras como Marilar Aleixandre ou Mercedes Queixas Zas. Ademais actuará a Coral Solfa, intervirá o presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias e o escritor Daniel Asorey lerá o Manifesto do Día de Rosalía.

A asociación tamén colabora con agrupacións culturais de base para organizar encontros co gallo da efeméride rosaliana. Na Coruña, por caso, faino coa Alexandre Bóveda, nunha lectura de poemas de Rosalía de Castro e mais o manifesto, ás seis da tarde na sala de exposicións Salvador de Madariaga o mesmo día 24. En Ferrol será hoxe, ás oito do serán no Ateneo. En Lugo, o sábado 22 de febreiro no Parque Rosalía, desta volta en colaboración coa Deputación provincial. En Vigo, a segunda feira 24, ás seis da tarde, haberá unha ofrenda floral na Imprenta Juan Compañel da que saiu Cantares Galegos (1863) e unha lectura na Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao. O 24 á mesma hora no parque dos Galos de Bueu haberá "recitado e regueifa rosaliana".

En Sargadelos (Cervo), o sábado 22 á tarde, o Café Bar Cultural A Sacabeira acollerá a conferencia de Eli Ríos Todas as escritoras somos fillas de Rosalía de Castro? Na Estrada, a asociación cultural Vagalumes promove diversos actos o 24 de febreiro sobre a relación entre a Rosalía de Castro e as escritoras estradenses Avelina Valladares, Manuel García Barros, Varela Buxán e Cabada Vázquez. Consistirá nun roteiro aos lugares en que estas autoras "deron continuidade á obra rosaliana". Partirá ás 12 horas da tumba de Valladares en Berres. E na libraría Pedreira de Compostela haberá o sábado 22 de febreiro unha alborada e Caldo de Gloria.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

comentarios