Cápsulas audiovisuais para viralizar o "enorme potencial turístico de Lalín"

O Concello de Lalín apresentou esta quinta feira día 21 de xullo a peza audiovisual "Lalín, un lenzo natural". Esta será a primeira dunha serie de cápsulas audiovisuais cuxo obxectivo é facer chegar o atractivo turístico da vila a milleiros de persoas.

Esta primeira entrega trata sobre os espazos naturais da zona e nela realízase un percorrido pola riqueza ambiental e paisaxística de Lalín. O traballo oferece, en palabras do concelleiro de Turismo do concello Francisco Vilariño (BNG), “unha perspectiva descoñecida” de lugares como Ponte Taboada, Mouriscade ou Zobra, entre outros.

O vídeo busca sorprender e que quen o vexa sinta ganas de coñecer Lalín. Ao longo do ano iranse publicando outras pezas temáticas que terán unha duración de un minuto aproximadamente sobre gastronomía, cultura, castros e centro urbano.

Esta iniciativa persegue popularizar a vila empregando as posibilidades que oferecen as redes sociais. A intención é “movelo e que se viralice a través das redes sociais” explica Vilariño, “que funcione como reclamo de maneira moito máis eficaz que as típicas campañas ou publicacións en papel”. A produción correu a cargo da produtora Arthur Gordon.

Comentarios