CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Capitán Harlock, manga na esteira de Star Wars e Star Treck

Cinema manga para esta sexta feira, baseada na obra de culto de Matsumoto.

harlock
photo_camera Un fotograma do filme

CAPITÁN HARLOCK
Título orixinal: Uchu Kaizoku Kyaputen Harokku
Ano: 2013
Duración: 115 min.
Nacionalidade: xaponesa
Director: Shinji Aramaki
Guión: Harutoshi Fukui e Kiyoto Takeuchi
Música: Tetsuya Takahashi

SINOPSE
A raza humana está a desaparecer. A única maneira de evitalo parece a volta á Terra, agora un “lugar sagrado” ao que está prohibido acceder. O proscrito Capitán Harlock ten un plan para salvar á humanidade, pero a corrupta Coligazón Gaia non pensa permitilo. 

CRÍTICA

Produción nipona de animación en 3D de última xeración que logrou captar a atención e admiración do mesmísimo James Cameron (Terminator, Avatar) pola súa extraordinaria calidade técnica e visual. Nada menos que cinco anos levou rematar esta posta a punto e lavado de cara do famoso manga de culto ideado por Leiji Matsumoto, creador da personaxe e do universo do Capitán Harlock, que ademais foi convidado a participar na supervisión da película con resultados moi satisfactorios. Un universo claramente influenciado por Star Wars, Star Trek e as películas de piratas a partes iguais. O Capitán Harlock sulca as galaxias a bordo da nave estelar Arcadia xunto cos seus leais tripulantes fuxindo e loitando contra a Coligazón Gaia, goberno para o que servira tempo atrás. Gaia manda o seu mellor home, o comandante Ezra, a dar caza o Capitán Harlock para impedir que se achegue ao planeta Terra e descubra o resto da humanidade a verdade que agocha a condición denominada: ‘lugar sagrado’. O capitán admite un rapaz (moi parecido a el) como membro da tripulación coa expectativa que un día o substitúa no mando, pero as cousas non son o que parecen... ou si? Só o saberemos ao final. onde todas as pezas encaixan.

A película de Arakami adoece dun guión bastante previsible, demasiadas explicacións e destila certa solemnidade que non acaba de convencer. Con todo, queda perdoado polo abraiante espectáculo visual que desprega

Unhas cantas referencias á mitoloxía grega (Gaia, Arcadia, Oceanus), estética entre H.R.Giger e Final Fantasy, combinado con escenas de acción trepidantes, aventura e ciencia-ficción da boa, son as principais bazas desta space ópera futurista que, se nos atemos á trama, ben podería ser previa ao Big Bang. Por suposto non falta a voz en off, os pertinentes flash-backs explicativos das motivacións das personaxes, as frases filosófico-categóricas (“loita contra o que te mantén atrapado”), unha épica heroica maxestosa resaltada pola banda sonora e, por suposto, non podía faltar un punto erótico light na personaxe feminina da tripulante Kei. Capitán Harlock mantén a esencia do manga orixinal no referente ao espírito romántico e aventureiro do capitán, pero avoga por unha trama máis escura, maior épica e máis acción, en detrimento do ton humorístico e a crítica político-social que si tiña a serie orixinal dos 70 dirixida por Rintaro. A película de Arakami adoece dun guión bastante previsible, demasiadas explicacións e destila certa solemnidade que non acaba de convencer. Con todo, queda perdoado polo abraiante espectáculo visual que desprega, sobre todo nas batallas e abordaxes. Impresionante. As batallas do principio son unha verdadeira marabilla que deixan cravado á butaca con ganas de máis. Estaría fenomenal que non acabaran nunca e que fora así toda a película. Pero a cousa vai vindo logo un pouco a contagotas gardando o mellor para a traca final. Altamente recomendable para otakus, mangakas, cosplayers e demais amantes da animación nipona en xeral.

Comentarios