A CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'O capital humano'

 Un todoterreo fuxe tras atropelar a un ciclista. O accidente afectará nas vidas de dúas familias: a do millonario Giovanni Bernaschi (Fabrizio Gifuni) e maila de Dino Ossola (Fabrizio Bentivoglio), un axente inmobiliario afogado pola crise.

O capital humano

Hai quen compara O Capital Humano con Morte dun Ciclista de Juan Antonio Bardem. Si, morre un ciclista e hai unha profunda crítica do comportamento burgués. Pero ate aquí as semellanzas. A película de Paolo Virzi está contada en catro capítulos. Os tres primeiros coinciden cos nomes de tres das personaxes claves da historia: Dino, Carla e Serena. Dino é un axente inmobiliario con gañas de dar o pelotazo e ascender de status social. Ve unha enorme oportunidade na súa filla Serena, que ten por namorado ao fillo do multimillonario Giovanni Bernaschi. Con esta escusa trata de achegarse e facerse amigo para investir uns cartiños (700.000€) nos negocios de Giova e así obter unha alta rendibilidade. O segundo capítulo está enfocado en Carla, a esposa de Giovanni.

Unha muller insegura, rica e consentida xenialmente interpretada pola actríz e directora Valeria Bruni Tedeschi (Viva a Liberdade, Un Castelo en Italia), que herda, non por casualidade, o nome da súa irmá para encarnar o rol dunha nai profundamente conflitiva que loita entre o amor, a familia e as obrigas. Un elegante retrato cheo de matices que lle valeu o Premio á Mellor Actriz no pasado Festival de Tribeca. Centos de capas de forza e fraxilidade que se poden gozar -mellor- na versión orixinal. O minúsculo fío de voz, entre cohibido e áfono, acompañado pola portentosa presenza de Valeria Bruni Tedeschi é un espectáculo en si mesmo.

Mágoa haber tan poucas opcións para escoitala en versión orixinal; máis habendo poucas... habelas hainas. O terceiro episodio é o de Serena, a filla de Dino. Nesta parte as pezas empezan a encaixar para conducirnos a un capítulo final onde se desvela todo o misterio do atropelo. Os tres capítulos narran os mesmos acontecementos pero desde diferentes puntos de vista tirando do efecto Rashomon para contan os seis meses previos ao accidente. O Capital Humano desenrólase en tempos previos da, tristemente famosa, crise mundial.

Un tempo histórico-recente bastante frecuentado no cinema nos últimos tempos. Sen ir máis lonxe Alfonso Zarauza plasmou á perfección n’Os Fenómenos a crise desde o punto de vista da clase obreira. Por troques, Virzi céntrase no enfrontamento social das clases altas contra aquelas que queren chegar a selo. Unha sociedade onde imperan as aparencias, o “que dirán”, a loita de clases, o nepotismo, os estereotipos, os intereses creados e, claro... os cartos. Gran elenco no que, aparte de Bruni Tedeschi, destacan Fabricio Bentivoglio (A Eternidade e Un Día), enorme bufón con ínfulas de grandeza, e tamén Matilde Gioli, que para ser o seu debut no cinema, apunta ben alto. Grande futuro ten a rapaza. O guión funciona coma un reloxo ate o cuarto, e derradeiro, capítulo. Se ven se desvela todo o misterio o interese decae un pouco con respecto aos tres previos. Pero isto por poñerlle algún “pero” e só por comparación, xa que o certo é que os tres primeiros episodios xogan a un nivel enorme. En conxunto, unha brillante traxicomedia á italiana.

Título orixinal: Il capitale umano

Ano: 2013

Duración: 111 min.

Coprodución: Italia-Francia

Directora: Paolo Virzi

Guión: Francesco Bruni, Francesco Piccolo e Paolo Virzi

Fotografía: Jérôme Alméras e Simon Beaufils

Música: Carlo Virzi

Elenco: Valeria Bruni Tedeschi, Fabrizio Bentivoglio, Fabrizio Gifuni, Matilde Gioli, Valeria Golino, Luigi Lo Cascio, Giovanni Anzaldo, Silvia Cohen, Gigio Alberti

Comentarios